Publicador de contidos

Publicador de contidos

O narcosubmarino incerceptado no Brasil ía descargar a droga nas Rías Baixas

O narcosubmarino incerceptado no Brasil ía descargar a droga nas Rías Baixas

Fontes da investigación sinalan que Galicia era o destino do semisomerxible apresado no estado brasileiro de Pará

A fabricación dun narcosubmarino non é complexa e as autoridades destacan que cada vez son máis fiables e baratos de construír

G24.gal 03/06/2025 09:57 Última actualización 03/06/2025 14:55

A droga que ía transportar o narcosubmarino interceptado este sábado no Brasil tiña como destino as costas de Galicia. Fontes da investigación concretan que unha organización de narcotraficantes das Rías Baixas era a encargada de recibir os estupefacientes que cargarían no semisomerxible, previsiblemente cocaína.

Porén, cando as autoridades capturaron a embarcación, nunha actuación conxunta da Policía Federal do Brasil, a Polícia Judiciária portuguesa, a DEA estadounidense, e da Policía Nacional española, o alixo aínda non fora cargado para iniciar a travesía a través do Atlántico.

Golpe importante que permitiu desmantelar o estaleiro onde se fabrican boa parte dos somerxibles que traen a coa ata Galicia para nutrir o mercado europeo.

"A cooperación internacional resulta sempre importante na loita contra o narcotráfico, pero nestes casos máis aínda porque estamos a falar da detección dun estaleiro clandestino, da orixe do abastecemento da droga", celebra Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.

Destacan as mesmas fontes que este tipo de embarcacións son cada vez máis fiables, polo que o risco da travesía a través do océano é menor, e tamén son máis baratas de construír. As dificultades das autoridades para detectalas fai así que as organizacións de narcotraficantes vexan nelas unha oportunidade para o transporte de cocaína desde América do Sur.

"Galicia, por vía marítima, é un destino preferente para cargamentos de cocaína, sobre o mar e tamén por debaixo do mar. Temos un problema de sobreprodución a nivel mundial e temos unha avalancha e estamos sendo inundados, especialmente de coca", advirte Alonso.

Con este do Brasil serían xa seis os narcosubmarinos que se dirixían a Galicia e que foron localizados polas forzas de seguridade.

"Hai evidencias de que levaban tempo facendo esta ruta pero agora vense", asegura o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.

O primeiro deles foi o atopado en Aldán en 2019. Transportaba tres toneladas de cocaína. A súa aparición fora todo un suceso, pola novidade que supuña este medio como vía de entrada de droga. Daquela fora detidos tres tripulantes, o piloto galego e dous cidadáns ecuatorianos, e catro persoas en terra. Os seus construtores foron detidos en Colombia en marzo de hai dous anos.

Xa en 2023 outro semisomerxible aparecía aboiando na ría de Arousa, preto do porto de Vilaxóan. Aquel fora bautizado co nome de Poseidón e suponse que os seus ocupantes trataron de afundilo unha vez chegado ao seu destino. Xa daquela Jaime Gayá, xefe do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia, aseguraba que o seu achado constaba que "o uso de narcosubmarinos non é un feito illado".

Tras este seguiuno outro interceptado en augas do Atlántico en xuño de 2024. Era moi similar aos dous anteriores. No momento en que a tripulación se decatou da proximidade dun buque de Vixilancia Aduaneira, abriron as billas de fondo e saíron á superficie para poñerse a salvo. Unha vez que afundiu o semisomerxible xunto coa súa carga, os catro tripulantes foron rescatados e detidos.

Xa neste 2025 apareceu outro na Costa da Morte, xa tras realizar a descarga. Tiña uns 15 metros de eslora, un tamaño similar aos localizados anteriormente. Foron os mariñeiros dun pesqueiro os que atoparon aboiando á altura da Punta da Barca, á entrada da ría de Camariñas. Afundiuse cando era transportado a porto. Os mergulladores da Garda Civil que o inspeccionaron non atoparon nada no seu interior.

O último localizado polas autoridades interceptouse hai tres meses en augas das illas dos Azores. Transportaba 6.600 quilos de cocaína e na operación foran detidas varias persoas, entre elas os cinco ocupantes do semisormerxible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade