Publicador de contidos

Publicador de contidos

O narcosubmarino apresado en Aldán en 2019 transportaba tres toneladas de cocaína

O narcosubmarino apresado en Aldán en 2019 transportaba tres toneladas de cocaína

Tres tripulantes, o piloto galego e dous cidadáns ecuatorianos, e catro persoas en terra foron detidos e condenados pola súa participación nesta operación de narcotráfico

Hai constancia de tres narcosubmarinos localizados en augas galegas

G24.gal 14/03/2023 13:38 Última actualización 14/03/2023 14:20

Os narcosubmarinos comezaron a utilizarse en Colombia na última década do século pasado, pero habería que agardar dúas décadas máis para confirmar a súa presenza ao outro lado do Atlántico.

A finais de 2019, e despois de percorrer máis de 3.500 millas náuticas, unha destas embarcacións de fabricación artesanal, bautizada o Che, era afundido deliberadamente polos seus tres tripulantes fronte á praia do Foxo, na ría de Aldán.

O mal estado do mar e o acoso policial fixeron fracasar os intentos de trasladar a droga ás embarcacións encargadas de levalas a terra.

A bordo do Che interviñéronse 3 toneladas de cocaína, distribuída en 152 paquetes, cun prezo no mercado ilícito de máis de 120 millóns de euros.

O piloto galego do narcosubmarino e os dous tripulantes de nacionalidade ecuatoriana foron detidos, ao igual que catro persoas máis que esperaban a embarcación na costa.

Condenados en primeira instancia pola Audiencia de Pontevedra e revisada a sentenza polo Superior de Galicia, os tres tripulantes recibiron finalmente unha pena de 11 anos de prisión.

Dous dos colaboradores en terra viron reducida a súa pena a 18 e 26 meses de reclusión e os outros dous procesados foron absoltos.

O de Aldán foi o primeiro narcosomerxible apresado en Europa. Dous anos despois, nunha nave de Málaga, unha investigación internacional con máis dun cento de detidos deu co primeiro fabricado neste continente.

Porén hai outro precedente. Hai dezasete anos un grupo colombiano financiou narcotraficantes galegos para a construción dun narcosubmarino nunha nave de Gondomar.

A operación foi un fracaso e a policía localizouno en augas da ría de Vigo. Foi en 2006, o mesmo ano en que foi interceptado en Costa Rica o primeiro narcosomerxible do mundo.

En augas galegas hai constancia de tres, pero os expertos falan de cemiterios mariños. Pensan que a estes tres probablemente poden sumarse outros que nunca se atoparon.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade