O porto da Coruña acolle unha macrosesión de tarde
Saír de festa de día é unha moda estendida e consolidada
Non é preciso que caia a noite para saír de festa. O porto da Coruña acolleu este sábado unha macrosesión de tarde.
"Estamos afeitas ás sesións de tarde. Nós xa non queremos a noite", aseguraban dúas mozas.
"É festa, pasalo ben, socializar e estar todos xuntos", describía unha asistente.
"A min é que agora xa non me deixan saír de noite e entón apunteime ás sesións de tarde", bromeaba outro asistente.
Nesta cita da Coruña mandou o pop dos 90 e dos 2000, o reggaetón clásico e os éxitos do verán.
"É un 'remember'. Vainos encantar todo seguro", vaticinaba unha muller.
"Seguramente. E despois da cervexa, imos cantar todos", puntualiza un home.
"Púxenme ao día. Mirei a 'playlist' e xa vin que inclúe os 'summer hits' dos 90. Nós somos oitenteiras, pero temos a escusa nas nosas fillas", dicía unha nai.
Hai unha franxa de idade ampla entre os asistentes a estes eventos, pero a maioría anda entre os 30 e os 50 anos.
"Para a xente de case corenta e de corenta para arriba é o mellor porque temos nenos, empaquetámolos cos avós e vimos", recoñecía un asistente.
"A noite chega un momento en que cansa. Nós xa peiteamos algunhas canas e gústanos a tarde", aseguraba outra moza presente no evento.
O encontro concitou varias despedidas de solteira.
"A min trouxéronme de sorpresa. Non sabía que ía vir. Estou de despedida", dicía unha das comprometidas.
"Non souben nada ata hai dez minutos", concretaba outra.
Tamén foi escenario de celebración de aniversarios.
"É o noso 60 aniversario e daquela estamos aquí de celebración", dicían dúas mulleres.
As sesións de tarde son unha moda estendida por boa parte de España que parece que chegaron para quedar.