Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carreira de "gladiadores" no Gaiás para visibilizar a enfermidade de Dent

Carreira de "gladiadores" no Gaiás para visibilizar a enfermidade de Dent

Case 2.000 persoas inscribíronse na competición solidaria Gladiator Race 

Os participantes tiveron que superar corenta obstáculos de equilibrio, forza e resistencia

G24.gal 13/09/2025 21:04 Última actualización 13/09/2025 21:38

A Cidade da Cultura converteuse no campo de batalla de gladiadores que tiveron que enfrontarse a unha carreira de obstáculos que puxo a proba a súa forza física e, sobre todo, mental. 2.000 persoas competiron na Gladiator Race, cargada de diversión e tamén de solidariedade, a favor da asociación Art For Dent.

Máis de 6 quilómetros a carreira polo Gaiás, pero non só iso, polo medio, unha chea de obstáculos que dan para rir, sufrir e superarse, unha vez completados.

"A Gladiator Race é unha aventura onde intentamos poñerlle límite ao corpo. Poñemos 40 obstáculos nunha carreira e sempre temos sorpresas no percorrido. Hai obstáculos de equilibrio, de forza, hai diversión, actores disfrazados... Un pouco de todo", asegura Serafín Martínez, director da Gladiator Race.

"O primeiro é vir con ganas e mentalizada de que non compites con ninguén, ao contrario, a xente axúdache. Compites contigo mesma e cada ano intentas acabar, conseguir a túa medalla e dicir, conseguino!", di Rosi Devesa despois de chegar á meta

E ademais da satisfacción de chegar, o evento ten carácter solidario para axudar a financiar unha investigación nefrolóxica que se fai no hospital de Santiago.

"Nunca pensei eu correr este tipo de carreiras, pero facémolo cun motivo, que é darlle visibilidade á enfermidade de Dent e somos 400 persoas con esta camiseta. É unha satisfacción ver o apoio e moi contentos de que sexa tan visible unha enfermidade tan minoritaria coma esta. Vai un euro por cada inscrito, case 2.000. Banco Mediolanum ten aberta unha campaña de doazón en migranodearena.org, que temos sorteos para que a xente faga doazóns a partir de 5 euros ata o 31 de outubro. Se conseguimos 5.000 euros o banco duplica o importe", asegura María Castelao, presidenta de Art For Dent

A maioría compite por equipos e todos destacan o bo ambiente e compañeirismo que hai no percorrido no que a clasificación é o que menos importa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade