Publicador de contidos

Publicador de contidos

O concello de Bande abre unha conta bancaria con achegas para os veciños que perderon a casa nun incendio

O concello de Bande abre unha conta bancaria con achegas para os veciños que perderon a casa nun incendio

G24.gal 11/04/2026 15:02

Hai unha semana un incendio calcinou a casa dunha familia en Trarigo, no concello de Bande. Dende entón as mostras de solidariedade fóronse sucedendo. Dende o concello decidiron dar a coñecer o acontecido para todos aqueles que queiran axudar.

As lapas comezaron na parte máis vella da casa, onde tiñan a cociña e o salón. Sete días despois, retirados os cascallos, só quedan as paredes. Levan unha semana traballando sen descanso, coa axuda e o ánimo din, de moita xente.

"Xa dende o primeiro día colaborando con nós en todo e cada un ía facendo o que podía. E o apoio, eso vale moito, estar a beira de un. Eu agradézolle a todo o mundo, o que non veu e me chamou por teléfono tamén.", conta Rosa María Couceiro, propietaria da vivenda afectada.

Eles resultaron ilesos, tamén o anexo onde viven dende o incendio. As lapas levaron o esforzo de moitos anos e boa parte das súas pertenzas, así que agora toca empezar de novo. O concello decidiu abrir unha conta bancaria para canalizar a axuda que ofreceron e ofrecen moitos veciños.

"Vimos que o necesario era a aportación económica para poder facer a obra que necesitan. Máis ca un acto de xenerosidade económica creo que é un acto de humanidade, de unión e de comprensión coa nosa xente que sae da propia veciñanza. Calquera achega á benvida, que o ser moitos sempre suma.", explica Sandra Quintas, alcaldesa de Bande.

A conta estará aberta durante mes e medio e pasado ese tempo entregaranlle o recadado a familia afectada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade