The Rapants, Laura Lamontagne, O Xoán e Caamaño&Ameixeiras participarán no concerto solidario AmalxGaza
The Rapants, Laura Lamontagne, O Xoán e Caamaño&Ameixeiras participarán no concerto solidario AmalxGaza
O concerto solidario, que terá lugar o 8 de outubro na Sala Capitol de Santiago, ten como obxectivo principal recadar beneficios para apoiar á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA).
The Rapants
A Fundación Araguaney e o Festival Amal organizarán o próximo 8 de outubro na Sala Capitol de Santiago a terceira edición do concerto soliario con Palestina AmalxGaza, enmarcado na programación da Semana de Cine Euroárabe e no que participarán The Rapants, Laura Lamontagne, O Xoán e Caamaño& Ameixeiras.
Tal e como explicou a Fundación Araguaney nunha nota, este espectáculo consolidouse "como un dos eventos solidarios máis relevantes da programación cultural en Santiago, tanto pola súa capacidade de convocatoria como pola implicación de artistas comprometidos coa defensa dos dereitos humanos".
O concerto solidario ten como obxectivo principal recadar beneficios para apoiar a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA).
Desde a Fundación Araguaney ponse en marcha novamente esta iniciativa "para mostrar o seu compromiso coa poboación palestina e contribuír á resposta humanitaria nun contexto marcado pola emerxencia e a destrución de infraestruturas básicas en Gaza".
"Nesta terceira edición, o concerto consolídase como un evento solidario de referencia en Santiago, onde a cultura e os artistas galegos convértense nunha ferramenta fundamental de sensibilización e transformación social para garantir que a UNRWA poida seguir prestando asistencia humanitaria esencial á poboación palestina", sinala a Fundación.
As entradas están á venda de forma anticipada na web da Sala Capitol e tamén se poderán adquirir na A Reixa Tenda/Matrioska (Hórreo 53, Santiago) e no despacho de billetes da Sala Capitol o propio día do evento a partir das 19:30 horas.