O Planetario da Coruña ofrece sesións especiais sobre a eclipse solar do 12 de agosto
As proxeccións explican como e por que hai eclipses e como observalas con seguridade
O Sol estará moi baixo no momento da eclipse total, así que será fundamental escoller un punto de observación que nos deixe o horizonte oeste totamente despexado. Acertar co lugar non será un problema porque nuns días poderemos facer un ensaio. O 30 de abril o Sol ocupará a mesma posición no ceo que o 12 de agosto.
"Será un momento interesante porque, se tes pensado algún sitio para ver a eclipse podes poñelo a proba ese día. Se dende o punto que escolliches, ves directamente o Sol sobre as oito e vinte, entón é un bo lugar para a observación da eclipse do 12 de agosto", explica Marcos Pérez Maldonado, á fronte dos Museos Científicos da Coruña.
Unha eclipse solar total ocorre nun mesmo punto xeográfico aproximadamente cada trescentos setenta e cinco anos. O que viviremos en boa parte de Galicia o 12 de agosto é algo tan extraordinario que nos espazos nos que a ciencia e a astronomía son protagonistas, como o planetario da Coruña, levan tempo preparándose e preparándonos para ese momento único.
"Moita xente vén porque non sabe que esperar. Escoita falar sobre que a eclipse é algo extraordinario, fantástico e fermosísimo, pero en realidade non é outra cousa que a superposición da Lúa sobre o Sol. A pregunta que xorde é un pouco esa: Se é algo tan sinxelo como é que é tan espectacular como dicides?"
Nas proxeccións explican como e por que se producen os eclipses, que estrelas e planetas poderemos observar na bóveda celeste nese breve lapso de superposición lunar e, moi importante, como observalo todo sen poñer en risco a nosa saúde visual. Será un momento inesquecible cun epílogo fermoso porque o 12 de agosto, ademais, choverán Perseidas.