Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre parcialmente ao tráfico a A-6 en Baralla 36 horas despois dun accidente

Abre parcialmente ao tráfico a A-6 en Baralla 36 horas despois dun accidente

A circulación estivo cortada desde as 9:00 horas deste xoves con desvíos alternativos 

directo
G24.gal 24/07/2026 20:28

A A-6 abriu de novo ao tráfico de xeito parcial, na tarde deste venres, tras un día e medio cortada despois do envorco dun camión de transporte de vacas sobre un turismo no quilómetro 464 (sentido Madrid), á altura do municipio lucense de Baralla.

O sinistro obrigou a cortar a autovía durante case 36 horas entre os quilómetros 469 e 461. Tráfico habilitou desvíos alternativos.

A apertura á circulación está sendo parcial, habilitándose un carril en cada sentido. 

Despois da retirada dos vehículos accidentados, os labores para recuperar a circulación centráronse na reparación dos danos que provocou o aparatoso accidente na propia vía.

Accidente no quilómetro 464 sentido Madrid

O sinistro produciuse pouco antes das nove da mañá deste xoves, no quilómetro 464 da autovía, en sentido Madrid. Segundo recolle o 112 Galicia, un particular alertou de que un camión envorcara sobre un turismo, cuxa condutora quedara atrapada.

A condutora do vehículo puido saír do coche polo seu propio pé, pero o remolque do camión quedou suspendido lateralmente sobre o desnivel e varios animais precipitáronse e faleceron. Outros dous coches e outro camión tamén se viron implicados no accidente.

Un amplo operativo desprazouse á zona, alén de habilitarse desvíos entre os quilómetros 469 e 461, sentido Madrid, e en sentido A Coruña, polo tramo de obras na zona.

Finalmente, os servizos sanitarios trasladaron en ambulancia ao centro hospitalario de referencia dúas persoas que quedaron feridas na colisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade