Unha condutora sen carné esnáfrase contra a parada de buses de Fisterra
Fixo varios intentos de arrancar o coche e acabou metendo a marcha atrás por erro
Encaixou o coche contra o despacho de billetes ferindo á vendedora dos boletos
Tal e como foi o golpe o resultado puido ser aínda peor.
"Meteu o coche dentro e a señora tiña todo por riba dela, as mesas e todo. Houbo que axudar a sacala e tiña sangue pola cara", conta a primeira persoa que chegou a axudar.
"Foi incrible porque aquí báixase amodo e rebentou todo. A muller que estaba dentro tivo moita sorte. Non se explica", coincide outra testemuña.
O curioso é como chegou alí o turismo. Non foi un accidente ao uso.
"Sentía un coche enriba da beiravía que estaba acelerando a tope e cando quixo arrancar meteu a marcha atrás a toda velocidade, 'chiando' roda e esnafrouse contra a caseta", continúa o home
"Foi un golpe grandísimo"
Fixera varios intentos de arrancar o coche. Escoitárona acelerar durante bo tempo no alto da rúa. Despois foi indo marcha atrás ata que, sen querer e sen saber, meteu a marcha atrás.
"Estivo dicindo que non tiña permiso e, cando foi o golpe, estaba moi nervosa e quixo arrancar o coche pero puxémonos diante para detela", engade o mesmo home.
Menos mal que a fortuna se puxo de cara.
"Dentro do malo, a sorte foi que hai un autobús que sae ás 8.40 da mañá que sempre vai cheo de peregrinos e o accidente foi ás 9 da mañá e entón só había dúas peregrinas", conta outra das persoas que chegaron de primeiras.
"Había dúas rapazas orientais que botaron a correr porque non as pillou de casulalidade".
Un parche posto con présa disimula o golpe e os viaxeiros que acoden polo billete nin imaxinan da que se salvaron.
A vendedora de billetes recibiu a alta ás poucas horas, pero o despacho permanece pechado á espera de que a muller se recupere das lesións.
A condutora é estranxeira pero xa leva tempo vivindo en Fisterra. Enfróntase a un delito contra a seguridade viaria por conducir sen permiso.