O Hospital de Santiago incorpora o primeiro robot público para operacións complexas de columna
A nova adquisición, que xa se empregou en tres ocasións, permite reducir en ata dúas horas as cirurxías máis complicadas
Calcúlase que poida realizar ata un cento de operacións ao ano
Novo robot para operar cirurxías de columna no Clínico Universitario de Santiago. TVG
O Clínico Universitario de Santiago converteuse no primeiro hospital público de España en contar cun robot de navegación cinemática para realizar cirurxías de columna de alta complexidade, que permite reducir en ata dúas horas as operacións máis complicadas.
O robot xa está plenamente operativo e utilizouse con éxito en tres intervencións, e espérase que poida realizar un centenar de cirurxías ao ano.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou este martes durante unha visita para coñecer este novo instrumento que se trata dun sistema de cirurxía robótica "totalmente intelixente" que permite actuar con total precisión sobre determinadas patoloxías da columna, como deformidades estruturais, tumores espiñais ou desaxustes vertebrais avanzados.
Mellores resultados clínicos e unha recuperación máis rápida para as persoas operadas
Grazas a unha tecnoloxía de seguimento que se adapta en tempo real aos movementos do paciente, o novo robot ofrece unha precisión total que redunda nunha maior seguridade, mellores resultados clínicos e unha recuperación máis rápida para as persoas operadas.
Gómez Caamaño destacou ademais que o acceso a esta tecnoloxía realizouse "a custo cero", a través dun contrato de subministración de implantes de columna, xa que a cesión do robot forma parte da oferta técnica presentada como mellora pola empresa adxudicataria.
Colaboración entre Neurocirurxía e Traumatoloxía
As intervencións realizadas polo robot son froito do traballo conxunto da unidade de raquis, que conforman Neurocirurxía, cuxo xefe é Ángel Prieto, e Traumatoloxía, dirixida por José Ramón Caeiro, coa colaboración doutros servizos.
Prieto defendeu que a idea é que eses servizos poidan traballar xuntos nun equipo multidisciplinar e que coa nova tecnoloxía poderá "diminuír o número de complicacións e o número de incisiones cirúrxicas", así como gañar rapidez.
"A cirurxía robótica en todos o sentidos viño para quedarse", defendeu, pola súa banda, José Ramón Caeiro.
O conselleiro tamén subliñou que a incorporación deste robot non é un feito illado senón que forma parte da aposta da Xunta pola cirurxía robótica.
Na área sanitaria de Santiago de Compostela xa se realizaron máis de 1.720 intervencións de cirurxía robótica, das que 455 foron operacións de traumatoloxía -fundamentalmente cadeira e xeonllo- e máis de 1.200 doutras especialidades, entre as que destaca a cirurxía de próstata, segundo Sanidade.