Desaloxan parte dun edificio de Ourense tras un accidente laboral con ácido sulfúrico
Dúas persoas foron evacuadas e unha delas foi trasladada ao hospital
Os bombeiros detectaron acumulación de dióxido de carbono no inmoble
Parte dun edificio da avenida de Portugal, en Ourense, tivo que ser desaloxado este mércores tras un accidente laboral en que un traballador inhalou ácido sulfúrico. Dúas persoas tiveron que ser evacuadas ao hospital.
Según informou o 112 Galicia, o aviso recibiuse arredor das 20:00 horas, cando se alertou de que un traballador precisaba asistencia sanitaria tras verse afectado pola inhalación desta substancia.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias, Policía Nacional e bombeiros. Os servizos sanitarios atenderon o traballador e trasladárono ao hospital.
"A nosa chegada, a testemuña, que tamén é empregado da empresa, infórmanos de que dous compañeiros tiveron que ser trasladados por unha intoxicación por produtos relacionados coa desinfección de piscinas. O empregado confunde unha das garrafas, en concreto hipoclorito sódico, con ácido sulfúrico diluído, que é o corrector de PH. Esa reacción produce gases que non son respirables e son moi tóxicos." Explica Ignacio de Rafael, Cabo dos Bombeiros de Ourense.
Durante a intervención, os bombeiros realizaron medicións no innmoble e detectaron unha acumulación de dióxido de carbono, polo que foi necesario desaloxar parte dos veciños do edificio.
"Cenamos cedo e fun lavar os dentes e lavar as mans e cheirábame a ZZ ou a amoníaco, a unha cousa moi forte. E dixen, eu aquí non teño nada, veu outro fillo meu que viña a casa a buscar unhas bolsas e dixo que había Bombeiros e Policía Nacional, entón xa baixei e xa mo dixeron: xa imos subir a medir. Nos baños saltou a alarma, nada máis abrir a porta saltou a alarma, no resto da casa tamén había bastante medición. " Conta Genoveva, unha das veciñas desaloxadas.
Malia que nun primeiro momento os empregados da tenda tiveron que ser evacuados ao CHUO con síntomas de intoxicación, un xa foi dado de alta, o outro seguía en observación, pero non se teme pola súa saúde.
" Dixeron que era no baixo, facendo unha mestura pois non sei qué fixeron e algo foi mal, porque a eles leváronos a Residencia. antes de vir nós para aquí xa viñeran para a casa e viñan ben. E pedíronnos perdón e todo o demáis. Sobre as doce xa viñemos para casa, durmimos coas ventás abertas. Foi un accidente que puido ser peor para eles, aínda para eles máis que para nós." Apunta Felisa, veciña do segundo andar.
Os veciños afectados pasaron a noite algo asustados polo acontecido, pero agradecidos porque finalmente todo quedara nun susto.