O TSXG volve eximir a Xunta de pagar o IBI do Álvaro Cunqueiro nunha nova sentenza cun tribunal distinto
O TSXG volve eximir a Xunta de pagar o IBI do Álvaro Cunqueiro nunha nova sentenza cun tribunal distinto
Anula a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela
O Supremo consideraba que existían dúbidas sobre a "imparcialidade" de Luis Villares, quen foi líder de En Marea e que era un dos xuíces que asinaba a sentenza
Arquivo TVG
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decreta que o pago do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo correspóndelle á concesionaria, polo que anula a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela na que se condenou a Xunta a reembolsar a dita concesionaria o imposto correspondente ao ano 2019, por importe de case un millón de euros.
Deste xeito, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo estima o recurso presentado polo Goberno galego e ratifícase, cun tribunal completamente diferente, na sentenza que ditou sobre o mesmo asunto en maio de 2022, a cal foi anulada polo Tribunal Supremo o pasado 17 de decembro, ao ordenar que a sentenza a ditase unha nova Sala do TSXG que garantise "o dereito a un xuíz imparcial".
Todo iso ao considerar o Supremo que existían dúbidas sobre a "imparcialidade" de Luis Villares, quen foi líder de En Marea e que era un dos xuíces que asinaba a sentenza do TSXG.
Agora, un novo tribunal da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo subliña que "a documentación contractual posta ao dispor do interesados non permitiría deducir racionalmente a un licitador medio, ao presentar a súa oferta, que os dereitos e obrigacións a adquirir en caso de resultar concesionario resultarían distintos aos previstos na devandita documentación; e, particularmente, que no caso de que o Concello de Vigo eliminase a exención do IBI -como sucedeu-, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) debía garantir a indemnidade do futuro concesionario".
Por tanto, o TSXG explica na sentenza que rexeita "unha interpretación ao abrigo da documentación complementaria que supoña xerar unha obrigación en virtude da cal o Sergas deba garantir á sociedade concesionaria a indemnidade fronte a calquera vicisitude xurdida durante a execución do contrato por mor da cal esta última deixase de desfrutar do beneficio fiscal previamente existente".
Claridade nos termos do contrato
A Sala destaca que, "ante a claridade dos termos do contrato en canto á obrigación do concesionario de satisfacer os gastos que constitúen o pago dos impostos", a regra interpretativa do artigo 1281 do Código Civil "impide acudir a alambicadas interpretacións extraídas de documentos que carecen de natureza contractual para constituír novas obrigacións non expresamente previstas e que contradín de forma radical o seu clausulado".
Para os maxistrados, "a propia lóxica derivada da normativa contable" impoñía non rexistrar no plan económico-financeiro "gasto algún como consecuencia dun imposto cuxo pago, no momento da elaboración do devandito plan, atopábase exento, e non porque a falta de pago adquirise o carácter de condición contractual da oferta".
Na resolución, o TSXG conclúe que "non cabe deducir da aceptación de tal oferta pola Administración a asunción por esta última dunha obrigación implícita de reembolso ante unha eventual desaparición da exención".
A pesar de todo, a sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.