Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comezan a conter o incendio de Guadalaxara despois de impedir que chegase a Soria

Comezan a conter o incendio de Guadalaxara despois de impedir que chegase a Soria

Na provincia manchega as lapas arrasaron 29.000 hectáreas, houbo que desaloxar 34 núcleos de poboación e confinar outros 14

Os incendios que máis preocupan agora  son os de Teruel, Huesca e Segovia

 

G24.gal 21/07/2026 14:09 Última actualización 21/07/2026 15:40

O numeroso continxente, 600 persoas durante esta noite, que traballan na extinción do incendio forestal que afecta á Serra Norte de Guadalaxara conseguiu frear o avance do lume xusto cando estaba a piques de entrar na veciña Soria.

Agora a estratexia é contelo dentro do perímetro actual e comezar a sufocalo desde dentro. A superficie calcinada supera as 29.000 hectáreas e o lume obrigou a desaloxar 34 núcleos de poboación e confinar outros 14.

Despois da reunión do equipo que coordina os traballos de extinción, o presidente castelán-manchego non dubidou en cualificar o incendio como o máis complexo dos rexistrados nos últimos anos en España.

"Obrigou ao maior dispositivo da historia da rexión, ao maior dispositivo da UME e ao maior dispositivo en conxunto de medios aéreos. Este luns, chegou a haber 29 recursos aéreos en movemento ao mesmo tempo", relatou García-Page.

No norte de Teruel continúa activo o incendio declarado este luns preto da localidade de Ejulve, que arrasou xa máis de mil hectáreas. A proximidade das lapas ás casas obrigou a desaloxar os veciños dos Molinos, uns 250, que foron trasladados ao pavillón de Alcorisa.

En Aragón tamén preocupa outro incendio, o de Plan, neste caso na provincia de Huesca.  Xa arderon unhas 100 hectáreas e a principal dificultade é que é unha zona con pendentes de máis do 90 por cento que impiden que acudan medios terrestres para a súa extinción na parte alta, pola súa seguridade, e por tanto, o operativo céntrase en medios aéreos.

O conselleiro de Interior do Goberno autonómico, Bermúdez de Castro resaltou que Aragón afronta condicións de "altísimas temperaturas, unha baixísima humidade e cuns ventos do sur", o que está a provocar "unha situación inédita" na comunidade.

Outro incendio forestal, que afecta ao concello de Brieva, na provincia de Segovia, provocou a evacuación de oito núcleos de poboación e un máis quedou confinado. Os 420 veciños afectados foron realoxados en albergues ou casas de familiares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade