O Goberno galego reforza os medios contra incendios con cámaras, IA e un dron na Ribeira Sacra
O dron terá base en Sober para a vixilancia especial dos Canóns do Sil
Instaláronse seis novas cámaras na provincia de Lugo e implementouse un sistema de alerta baseado en intelixencia artificial
A Xunta de Galicia reforzou os medios tecnolóxicos para loitar contra os incendios forestais na provincia de Lugo, que xa padeceu este verán un incendio que arrasou máis de 190 hectáreas en Ribas de Sil, coa instalación de novas cámaras de vixilancia nos montes, un sistema de alerta con intelixencia artificial e un dron despregado na Ribeira Sacra.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, presidiu este luns a reunión do Comité Provincial de Coordinación Policial contra os Incendios Forestais para reforzar a cooperación na loita contra o lume. No encontro participaron representantes de distintos servizos da Xunta, a Subdelegación do Goberno, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Garda Civil.
A tecnoloxía é unha das grandes apostas, coa instalación de seis novas cámaras da Rede de Vixiancia de Espazos Forestais en Láncara, O Valadouro, A Fonsagrada, Becerreá, Portomarín e Sober. Ademais, implementouse un sistema de alerta baseado en intelixencia artificial e despregouse un dron en Sober para a vixilancia especial dos canóns do Sil.
O Servizo de Prevención de Incendios Forestais contará este verán con 81 brigadas de Medio Rural, reforzadas con 11 brigadas da empresa pública Seaga. En total, o operativo dispón de 137 brigadas ás que se suman as 56 brigadas das entidades locais.
Xunto ao resto do persoal mobilizaranse máis de 1.300 persoas nos momentos de maior despregadura, e o dispositivo tamén conta con case un cento de camións autobomba, catro reténs de maquinaria pesada, tractores cisterna e diversos medios aéreos.
A despregadura aérea inclúe dous helicópteros de extinción con base en Monforte de Lemos e Becerreá, un helicóptero de coordinación en Portomarín e dous avións de carga en terra con base en Sober e alternativa na Fonsagrada.