Pánico nun cámping de Vilanova ao sufrir o ataque dun veciño con balotes
Disparou balotes dende a ventá cara aos nenos do cámping e rebentou polo menos oito coches aparcados
Os campistas teñen medo: "Nós marchamos e non queremos volver aquí"
As cámaras de seguridade gravaron o momento en que o home lanza o seu propio coche contra os que estaban aparcados. Estragou cantos pillou no camiño, polo menos oito, e tamén os seus.
"Saíu da casa e meteuse polo camiño a toda velocidade contra os coches que estaban aparcados nun lado. Como o seu coche xa non andaba nin para diante nin para atrás porque o deixou encaixado, foi buscar á casa unha furgoneta e lanzouse marcha atrás contra o meu coche, que estaba aparcado na outra beira. Eu estaba vendo todo", conta unha das afectadas.
"Os coches estaban golpeados, machacados, todos rompidos, cristais, chapa,... Eu estou sen coche, e agora repetiu", engade outra campista.
Desta vez foi un pouco máis alá. Vírono dende a ventá disparando cunha escopeta, que parecía de balotes.
"Pola tarde colleu unha escopeta de balotes e estivo disparando dende o balcón da súa casa ao aire, pero chegaban os balotes ao noso terreo, onde había nenos xogando e rozábanlles os pés", explica Sergio Bouzas, o propietario do Cámping o Terrón.
"Había unha familia con dous nenos que lle rozou, e díxenlle a miña nai: este hoxe á noite vai facer das súas, e fíxoo", especifica outra muller que leva anos nese cámping.
"Colleulle o gusto e repetiu. Volveu co coche e deulle a un que estaba aparcado", engade outro home.
Tamén lle viron nas ventás arpóns. Teñen medo, tanto os maiores coma os cativos.
O do Terrón é un cámping familiar, tranquilo, con campistas de temporada, dos que repiten cada ano, pero agora mesmo...
"Non quero vir máis e os nenos queren marchar porque temos moitísimo medo".
"A miña filla quere marchar".
Vive xusto enfronte do cámping e colleuna cos donos, veciños de toda a vida. Sobre todo, coa nai do propietario, que hoxe mesmo foi presentar unha denuncia para pedir unha orde de afastamento.
"Temos un video onde está ameazando e chamando a berros a miña nai, e en xaneiro chamounos ameazando con queimarnos o cámping", lamenta o dono.
O suposto agresor sabe o que isto supón para o negocio, porque el mesmo ten locais de hostalaría. Piden medidas urxentes, antes de que haxa unha traxedia. Dan por feito que pasará.