As candorcas arremeten contra un veleiro en Punta Candieira que quedou sen goberno
Os dous tripulantes saíron ilesos e a embarcación foi remolcada a Celeiro
É a segunda interacción con estes cetáceos na costa galega en 24 horas
Un grupo de candorcas volveu arremeter de novo contra un veleiro en Galicia este venres, neste caso nunha interacción a 13 millas ao noroeste de Punta Candieira, en Cedeira. A embarcación quedou sen goberno e necesitou ser remolcada.
Segundo explican fontes de Salvamento Marítimo, o veleiro Vai deu a alerta ás 13,17 horas deste venres ao notificar asistencia por danos na embarcación despois dunha interacción con estes cetáceos. As dúas persoas a bordo resultaron ilesas.
Pola súa banda, Gardacostas informa de que trasladou ata o lugar ao seu buque Mar de Galicia, en coordinación co centro de Salvamento en Fisterra, para remolcar ata Celeiro, no municipio de Viveiro este veleiro de 14 metros de eslora e bandeira sueca.
⛵️ O buque Mar de Galicia remolca cara Celeiro un veleiro de 14 m de eslora e bandeira sueca, con dúas persoas a bordo, por unha avaría no temón tras interacción con candorcas ao noroeste de Punta Candelaria.
— Gardacostas Galicia (@GardacostasGal) July 24, 2026
🤝 As tarefas realízanse baixo a coordinación do CCS de Fisterra pic.twitter.com/eM93isKQ5w
Esta nova interacción chega 24 horas despois de que as candorcas provocasen o afundimento dun veleiro a 1,3 millas do cabo de Estaca de Bares.
Os seus dous tripulantes foron rescatados por unha embarcación motora que estaba nas proximidades. Previamente, estes animais tiveron ata outros tres incidentes previos na zona con embarcacións na mesma xornada.