Segue cortada a A-6 en Baralla un día despois de envorcar un camión con vacas
Os desvíos alternativos entre os quilómetros 469 e 461 habilitados por Tráfico continúan operativos
TVG
A A-6 continúa cortada este venres, un día despois do envorco dun camión de transporte de vacas sobre un turismo no quilómetro 464 (sentido Madrid), á altura do municipio lucense de Baralla, que obrigou a cortar a autovía entre os quilómetros 469 e 461. Tráfico habilitou desvíos alternativos.
Segundo a información facilitada a EFE este venres por fontes da Garda Civil de Tráfico, os servizos de emerxencias completaron o seu traballo, pero despois da retirada dos vehículos accidentados, os labores para recuperar a circulación céntranse agora na reparación dos danos que provocou o aparatoso accidente na propia vía.
En principio, segundo as previsións que manexan as autoridades, a circulación podería quedar restablecida a última hora deste venres.
O sinistro produciuse pouco antes das nove da mañá deste xoves, no quilómetro 464 da autovía, en sentido Madrid. Segundo recolle o 112 Galicia, un particular alertou de que un camión envorcara sobre un turismo, cuxa condutora quedara atrapada.
A condutora do vehículo puido saír do coche polo seu propio pé, pero o remolque do camión quedou suspendido lateralmente sobre o desnivel e varios animais precipitáronse e faleceron. Outros dous coches e outro camión tamén se viron implicados no accidente.
Un amplo operativo desprazouse á zona, alén de habilitarse desvíos entre os quilómetros 469 e 461, sentido Madrid, e en sentido A Coruña, polo tramo de obras na zona.
Finalmente, os servizos sanitarios trasladaron en ambulancia ao centro hospitalario de referencia dúas persoas que quedaron feridas na colisión.