A Policía destrúe un proxectil atopado en Santiago
O artefacto, localizado nunha zona rural de San Xoán de Fecha, podería corresponder á Guerra Civil
Especialistas do grupo de Técnicos en Desactivación de Artefactos Explosivos (Tedax) da Policía Nacional destruíron este xoves mediante unha explosión controlada un proxectil de artillaría de 82 milímetros localizado nunha zona rural da parroquia compostelá de Sa Xoán de Fecha.
O artefacto foi atopado por traballadores dunha empresa que realizaban labores de roza nas inmediacións dunha vivenda deshabitada. Ao recibiren o aviso, axentes da Brigada Local de Seguridade Cidadá estableceron un perímetro de seguridade para evitar o acceso á zona.
Podería ser da Guerra Civil
Antes da detonación, os Tedax inspeccionaron a contorna e localizaron un tramo de cordón detonante e varios metros de mecha lenta, que foron retirados para a súa análise.
Os especialistas comprobaron que o proxectil tiña a espoleta activada, aínda que non chegara a estoupar. Polas súas características, a Policía Nacional mon descarta que poida corresponder á Guerra Civil española.
A explosión controlada realizouse sen causar danos persoais nin materiais e contou co presenza dos bombeiros e dunha unidade do 061.