Milleiros de persoas reclaman máis docentes para o sistema educativo galego
Nunha manifestación, convocada pola CIG-Ensino en Santiago, denunciaron a falta de profesorado tras o inicio do curso
Román Rodríguez asegura que Galicia conta "cunha das mellores proporcións profesor-alumno do conxunto de España"
Varios miles de persoas denunciaron este sábado nunha manifestación polas rúas de Santiago de Compostela a falta de profesorado e recursos no sistema educativo galego, tras o inicio do curso esta semana.
A manifestación, convocada polo sindicato CIG-Ensino, maioritario entre os traballadores do sistema público de educación en Galicia, discorreu baixo o lema "Rectificar, recuperar, recoñecer".
O sindicato denuncia a falta de planificación axeitada que leva a numerosas incidencias por falta de docentes nos centros, a unha sobrecarga de traballo e a proporcións "avultadas" de alumnado por clase, por "moitos anos de recortes das cotas docentes", e ata a situacións de "caos".
A secretaria xeral de CIG-Ensino, Laura Arroxo, indicou ao comezo da manifestación que, de acordo cos datos facilitados pola Consellería de Educación no seu portal da Internet, faltaban 800 profesores para cubrir as vacantes deste curso.
Como consecuencia, "máis de 5.000 nenos e nenas durante unha hora ou durante toda unha mañá non tiveron o seu profesor ou profesora" esta semana nos centros educativos.
"Advertimos de que comezar o día 8" de setembro o curso escolar supoñía un "impedimento", comentou Arroxo, e alegou que só "cinco días" hábiles despois da fin das vacacións estivais "non daba tempo a planificar todo o curso".
"Non lle deu tempo á propia Consellería a facer todos os chamamentos posibles para que o 8 de setembro, que comezaban as clases, todo o profesorado estivese incorporado", apuntou.
A representante sindical salientou unha serie de necesidades de profesorado, incluídos auxiliares e especialistas en diversidade funcional, que requiren dunha planificación e dun aumento de recursos que a Xunta non está a dedicar.
Ademais, reiterou a reclamación de reducir a carga burocrática ao persoal docente para que poida dedicarse de pleno a tarefas educativas.
"Unha das mellores proporcións"
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acusou o sindicato convocante de fomentar a confrontación e asegurou que o Goberno galego continúa traballando na mellora do ensino.
Segundo dixo, contamos "cunha das mellores proporcións profesor-alumno do conxunto de España" e neste curso "con menos estudantes imos ter máis profesores". Salientou tamén que en "todos os informes" que miden a calidade do sistema, "Galicia sempre sae ben parada".