Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta propón que o curso 2026-2027 comece o 9 de setembro e acabe o 21 de xuño

A Xunta propón que o curso 2026-2027 comece o 9 de setembro e acabe o 21 de xuño

As vacacións de Nadal irían do 21 de decembro ao 6 de xaneiro, as do Entroido do 8 ao 10 de febreiro, e as de Semana Santa do 22 ata o 29 de marzo

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
G24.gal 07/05/2026 10:31

A Xunta propoñerá á mesa sectorial docente que o curso escolar 2026-27 comece o 9 de setembro e remate o 21 de xuño para todas as etapas educativas, excepto os segundos cursos dos ciclos formativos de grao básico medio e superior de FP, que terminarían antes, o 15.

Os períodos de vacacións escolares irán do día 21 de decembro de 2026 ao 6 de xaneiro de 2027, ambos inclusive, en Nadal; os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2027 para o Entroido; e desde o día 22 ata o 29 de marzo, ambos inclusive, para a Semana Santa. Ademais, serán días non lectivos o 7 de decembro (Día do Ensino) e as festas de ámbito estatal, autonómico e local.

Sobre o período de adaptación do alumnado de cuarto curso de Infantil, os centros poderán optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis alá do 15 de setembro.

No caso dos ensinos de réxime especial, indica un comunicado, como xa se fixo no presente curso, tendo en conta as características e particularidades deste tipo de estudos poderase flexibilizar, co inicio das actividades lectivas o 16 de setembro como máximo.

No caso do segundo curso de bacharelato, as clases acabarán como ocorre sempre, de acordo coas datas previstas para a proba de acceso á universidade.

A proposta de orde do calendario tamén recolle que para o próximo curso as probas de avaliación de diagnóstico fixadas polo Goberno a través da Lomloe para cuarto de primaria serán entre o 26 e 30 de abril e para segundo da ESO entre os días 19 e 23 dese mesmo mes de 2027.

Horario de profesores de secundaria

Así se recolle no borrador da orde que a Consellería de Educación remitiu ás organizacións sindicais para a súa análise na reunión do próximo 13 de maio, cita na que se vai tratar tamén a proposta para reconfigurar o horario do profesorado de secundaria, froito do traballo da comisión de seguimento do acordo de 2023 coas organizacións CCOO, ANPE, UXT e CSIF.

O que se pon sobre a mesa é pasar de 20 a 18 sesións lectivas na aula, mantendo todos eles as 37,5 horas semanais laborais do resto do persoal funcionario, trinta delas de permanencia no centro cunha parte fixa de 23 horas a razón de 18 sesións de docencia directa e cinco complementarias para apoio; e unha parte non fixa de 7 horas.

Esas sete horas destinaríanse a sesións de avaliación, coordinación pedagóxica, instrución de expedientes, mantemento de laboratorios, coordinación e dinamización de plans e proxectos, actividades complementarias co alumnado ou titorización ou mentoría co profesorado en prácticas.

Outra das cuestións que se elevará á mesa sectorial é o incremento das horas de dedicación ao cargo que exercen os equipos directivos. En síntese, estas persoas gañarían unhas dúas horas máis á semana para atender estas funcións específicas cuns máximos de dedicación que varían segundo a tipoloxía do posto (dirección, xefatura de estudos, secretaría e vicedirección) e o tipo de centro por número de alumnos matriculados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade