A Xunta creará por lei a oficina galega de atención e apoio ao profesorado
A oficina crearase por lei para "darlle o maior rango normativo"
O anuncio fíxoo o conselleiro de Educación na comparecencia no Parlamento
Con esta medida, dixo Román Rodríguez, preténdese "reforzar a autoridade" dos docentes
O conselleiro de Educación anunciou este martes que a oficina de apoio, información e protección para docentes que a Xunta de Galicia prevé crear farase por lei para darlle o máximo rango normativo.
Para iso, modificarase, a través da lei de acompañamento de orzamentos, a norma existente en materia de convivencia e participación da comunidade educativa; segundo explicou Rodríguez durante unha comparecencia parlamentaria.
Esta nova oficina responde á liña estratéxica que segue o seu departamento para "reforzar" a "autoridade" do profesorado, explicou o conselleiro, que quixo mandar "unha mensaxe nítida" a favor do respecto cara aos profesionais docentes.
Trátase dun dos piares das políticas educativas que a Xunta quere poñer en marcha para "prestixiar o labor do profesorado", unha meta para a que, en paralelo, pedirán ao Goberno central que reformule o temario das oposicións por entender que os contidos están "desactualizados e desconectados da realidade actual".
De igual maneira, Rodríguez tamén xulgou oportuno "adecuar", o que na práctica implicaría reducir ou modificar, a oferta de prazas universitarias de Maxisterio ao tamaño das convocatorias de oposicións para "evitar o malgasto" que, na súa opinión, supón "perder recursos humanos" en formar persoas que logo non acceden á docencia.
Así mesmo, fixou como prioridade traballar sobre a inclusión educativa, o apoio ás familias, a dixitalización do ensino, a innovación, o benestar, a convivencia e a igualdade de oportunidades.
Inicio do curso escolar
Más de 300.000 alumnos e alumnas volveron ás aulas o pasado día 8 de setembro en Galicia nun contexto marcado polas protestas de parte da comunidade educativa pola falta de medios e dos sindicatos educativos polas condicións laborais do profesorado.
Na súa intervención, Rodríguez defendeu que o curso "comezou con gran normalidade e xa está totalmente en marcha", á vez que repasou a "historia de éxito" do sistema educativo galego, ao que sinalou como "líder" en equidade e "referente" en inclusión ou en resultados académicos.
Para seguir avanzando nesta liña, o conselleiro optou por cinguirse ao acordo asinado cunha parte minoritaria dos sindicatos educativos e que establece, entre outras medidas, a redución progresiva do número de alumnos por aula ao longo dos próximos cursos. Por este motivo, opinou que o Goberno central "parece que quere copiar" este pacto coa súa proposta para reducir por lei o número máximo de estudantes por aula e considerou que o Executivo "chega tarde outra vez" con "anuncios sen concretar" e dos que as comunidades autónomas non tiveron "ningunha comunicación".
Críticas da oposición
Os argumentos esgrimidos por Rodríguez non convenceron aos grupos da oposición, que lle reprocharon a situación que se vive en múltiples centros de educación galegos, con carencias materiais nas instalacións, aulas sobrecargadas ou profesorado con exceso de traballo.
A deputada do BNG, María Cristina Fernández Davila sostivo que tanto docentes como alumnos "merecen" recuperar os dereitos retirados e advertiu que a situación é máis grave no caso dos nenos e nenas con necesidades educativas de atención especial.
Ademais, criticou novamente as instrucións de neutralidade ideolóxica trasladadas pola inspección educativa aos centros.
Pola súa banda, na súa estrea como parlamentario apenas unhas horas despois de tomar posesión do escano, Aitor Bouza (PSdeG) cuestionou a "política de portas pechadas" da Consellería de Educación, a cuxo titular acusou de non atender as reivindicacións de sindicatos e comunidade educativa. "Están a fallarlle á Galicia do presente e, sobre todo, á do porvir", sostivo.
Cecilia Vázquez (PPdeG), en cambio, avalou as políticas postas en marcha pola Administración autonómica e instou ao Goberno galego a seguir avanzando na dirección actual.