Prospera a moción de censura en Lugo: Elena Candia é a nova alcaldesa
A moción, votada de xeito nominal, saíu adiante cos votos favorables do grupo popular e da concelleira tránsfunga, María Reigosa, que sumaron 13 votos, fronte aos doce que sumaron os grupos dos socialistas e do BNG
Candia asume Medio Ambiente e Persoal e Reigosa terá labores de "supervisión política"
A líder do PP en Lugo, Elena Candia, é a nova alcaldesa da cidade, ao prosperar a moción de censura presentada polo seu partido e apoiada e votada por María Reigosa, exedila socialista que chegou ao Goberno tras a morte dun dos tres concelleiros do PSOE falecidos neste mandato.
Non houbo sorpresas no pleno extraordinario cunha votación que se realizou de forma nominal e por orde alfabética, de modo que quedou aprobada por un voto de diferenza, dado que os socios do goberno bipartito de PSdeG e BNG suman doce, un menos que a nova maioría formada entre os populares e a non adscrita, que rexeitou intervir na súa quenda de palabra.
Unha hora antes do debate que empezou puntual e cunha grande expectación mediática houbo ás portas do consistorio unha protesta de centos de persoas que despois quedaron berrando mensaxes en contra desta manobra política.
A popular Elena Candia defendeu o uso dunha "ferramenta legal" e lamentou que os seus familiares non puidesen entrar por falta de capacidade, antes de enumerar o que para ela son proxectos "errados" dos ata o de agora gobernantes.
"É imposible dar todas as razóns en cinco minutos para xustificar que Lugo merece máis, pero creo honestamente que as que anunciei xustifican que Lugo merece un Goberno distinto", concluíu.
O rexedor saínte, Miguel Fernández, afeou que esta moción se construíse sobre "a ausencia e a dor", e púxolle un nome, "oportunismo", ao utilizar "o máis sensible, o máis humano, como ferramenta de cálculo político".
Para el, este é o "principio da fin político" de quen promove e de quen apoia, porque "Lugo saberá xulgar" e se na vida a maior parte das cousas son pasaxeiras, non ocorre así con "a integridade". "Vostedes quedaron marcados na historia e ante os nosos veciños", afirmou.
O ata a data tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo, pronunciouse na mesma liña ao indicar que "Lugo non esquece" e así llo fará ver ao "novo bigoberno" posible por un "pacto de trapalleiras".
A moción de censura puxo fin a 27 anos consecutivos de gobernos da esquerda en Lugo -todos con rexedores socialistas-para facer alcaldesa a popular Elena Candia, que xurou o seu cargo e tomou posesión, trámite protocolario ao que non asistiron nin PSOE nin BNG, que abandonaron a sala antes da entrega de insignias.
Elena Candia, xa convertida en alcaldesa, deu un discurso no que fixo fincapé en que "outro Lugo é posible". Desexou que non lle afecte o que "escoitou fóra" porque ela provén dunha familia "moi humilde" que sempre lle ensinou o valor do esforzo. "Nunca trapicheei, nin trapicheo, nin trapichearei", salientou.
Á súa saída para a foto nas escaleiras houbo pitos e apupos dos manifestantes convocados pola plataforma 'Transfuguismo Non, Democracia Si', que seguían na Praza Maior.
Os manifestantes, concentrados desde antes das 11:00 horas, non cesaron de lanzar berros en contra da moción e de atacar directamente á líder do PP de Lugo e nova alcaldesa da cidade e á concelleira tránsfuga.
"Elena, sal ao balcón, sal ao balcón" ou "Elena sae xa que o público se vai" foron as proclamas esgrimidas pola plataforma contraria á moción, mentres os simpatizantes do PP optaron polo silencio e a tranquilidade.
O momento de maior tensión produciuse cando a nova alcaldesa saíu a saudar a familiares e compañeiros de partido. E é que, unha vez na rúa, foi apupada polos manifestantes ao berro de "fóra". "Corrupta" e "traidora" foron os berros que máis se escoitaron xunto a asubíos e sirenas que non cesaban.
Todo iso ante un por un importante dispositivo policial, con numerosos axentes despregados que se ocuparon de manter separados os dous grupos e de evitar que o enfrontamento fose a máis.
Os manifestantes increparon os representantes do Partido Popular; a policía tivo que intervir e identificou tres persoas. Na mobilización participaron membros dos partido socialista e do BNG aos que a secretaria xeral do PP, Paula Prado, sinalou como os incitadores.