Un xulgado denega suspender a moción de censura en Rairiz, prevista para este mércores
A suspensión fora solicitada pola alcaldesa, a socialista Asunción Morgade
Casa do Concello de Rairiz de Veiga
A maxistrada da praza 1 da Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense rexeitou a medida cautelar que solicitou a alcaldesa socialista de Rairiz de Veiga (Ourense), Asunción Morgade, para suspender o pleno sobre a moción de censura que promoven dous concelleiros do BNG co PP e un edil non adscrito que formou parte do PSOE.
A alcaldesa solicitaba a suspensión provisional tanto da dilixencia de Secretaría que validou as firmas dos promotores da moción de censura como a celebración da sesión plenaria extraordinaria convocada para este mércores ao mediodía, segundo unha resolución que divulgou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O auto destaca que os concelleiros promotores da moción compareceron no procedemento e ratificaron expresamente tanto as súas firmas como a súa vontade de presentar e tramitar a moción de censura.
Ademais, subliña que o secretario-interventor do Concello de Rairiz de Veiga informou de que as sinaturas foran debidamente autenticadas e de que se cumprían os requisitos legalmente esixidos para a tramitación da moción.
Segundo recolle a sentenza, o funcionario actuou dentro das competencias que lle atribúe a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral e verificou a identidade dos asinantes.
A maxistrada sinala que, nesta fase cautelar e sen prexulgar o fondo do asunto, non concorren os requisitos legais necesarios para acordar a suspensión.
Por iso, acorda denegar a suspensión provisional dos efectos da dilixencia impugnada e da celebración do pleno previsto para mañá.
Contra o auto cabe presentar recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.