Dous edís do PP, dous do BNG e un exsocialista negocian unha moción de censura contra o PSOE en Rairiz de Veiga
Dous edís do PP, dous do BNG e un exsocialista negocian unha moción de censura contra o PSOE en Rairiz de Veiga
O BNG desautoriza os seus concelleiros, aos que avisa que expulsará se a iniciativa sae adiante
Propoñen como candidato ao concelleiro popular Camilo Fernández Freire
A alcaldesa Asunción Morgade cualifica de "vergoñosa" a moción e atribúea a unha "vinganza persoal"
Casa do Concello de Rairiz de Veiga
Os dous edís do Partido Popular de Rairiz de Veiga, os dous do BNG e un concelleiro exsocialista pactan unha moción de censura para tratar de arrebatar a alcaldía deste municipio ourensán á alcaldesa do PSOE, Asunción Morgade, cuxa candidatura se fixo con cinco dos nove concelleiros que conforman a corporación.
Segundo explicaron fontes consultadas por Europa Press, a moción de censura que se negocia propón como candidato ao concelleiro popular Camilo Fernández Freire e contaría co apoio, ademáis dos dous edís do PP, dous do BNG e dun independente que, a pesar de concorrer nas listas do PSOE, abandonou o Grupo Municipal Socialista e pediu a condición de non adscrito.
O PP xustifica a moción ante "o abandono" no que está sumido o Concello
Tras coñecerse a iniciativa, o concelleiro popular sostivo que non se trata dunha moción de censura promovida polo PP, senón que parte de "toda a oposición" ante o "abandono" no que, na súa opinión, está sumido o Concello pola xestión de Asunción Morgade.
Pola súa banda, fontes do BNG comarcal deixaron claro o seu "total rexeitamento" a unha moción de censura a estas alturas do mandato, a sete meses vista das eleccións, e menos para facer alcalde a un candidato do Partido Popular.
O Bloque apela á responsabilidade dos seus edís
Por iso, a formación apelou á responsabilidade dos dous edís e explica que se se chegase a materializar lles esixirá que entreguen as actas.
Ademais, nun comunicado remitido aos medios, o Consello Comarcal do BNG de Arnoia A Limia cualifica de "especialmente grave polas formas e polas implicacións políticas" a decisión e sinala que unha iniciativa destas características "non debe presentarse en nome do nacionalismo galego nin comprometer a unha organización que non a autorizou".
"O proceder dos concelleiros de Rairiz de Veiga, ao actuar ao marxe da organización e subscribir unha iniciativa desta natureza, é incompatible coa posición que a formación nacionalista mantén como forza política", apunta.
Por todo iso, e tras contactar cos dous edís, pediulles unha "profunda reflexión" e avisounos de que, de non retirar de inmediato as súas firmas da moción, a organización se verá obrigada a requirirlles a entrega das súas actas e a abrir o correspondente expediente para a súa expulsión.
A rexedora socialista amosou a súa "absoluta incredulidade"
A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, expresou este mércores a súa "absoluta incredulidade" e "rexeitamento" pola moción de censura negociada entre os dous edís do Partido Popular, os dous do BNG e un concelleiro exsocialista, Daniel González Ferreiro, que a rexedora cualificou de "vergoñosa" e atribuíu a unha "vinganza persoal".
Para a rexedora, trátase "dunha manobra inaudita e vergoñosa", desenvolvida "con total opacidade e ás costas do aparello do BNG, tanto a nivel comarcal como nacional".
Neste sentido, a alcaldesa considera que detrás deste pacto "non hai ningún proxecto para Rairiz de Veiga", se non "unha evidente vinganza persoal encabezada polo concelleiro díscolo Daniel González Ferreiro" en resposta, aduce Morgade, á regularización do posto de traballo que viña ocupando o seu irmán no consistorio.
"Fai falta lembrar, con total transparencia, que o posto de traballo que viña ocupando o seu irmán no Concello mediante un contrato de urxencia tivo que ser regularizado pola vía legal correspondente, estabeleciendo as preceptivas bases públicas de contratación. Foi o propio irmán do edil quen decidiu libremente non presentarse ao proceso selectivo, razón pola cal González Ferreiro pretende agora facer pagar á institución municipal a súa frustración privado", recolle o comunicado da alcaldesa.
Fronte a iso, alega, "os veciños de Rairiz son perfectamente conscientes de que este goberno actuou sempre con rigor, legalidade e xustiza distributiva, sen ceder a chantaxes particulares nin privilexios de corte familiar", tras o que envía unha "mensaxe de tranquilidade, firmeza e gratitude á poboación".
Apoio "rotundo" do PSOE á alcaldesa
Para rematar, fontes socialista subliñaron o apoio "rotundo" do Partido Socialista na provincia ao labor de Asunción Morgade a cargo da Alcaldía e amosaronse "rotundamente en contra deste tipo de clientelismo do PP", formación á que acusan de tratar de "comprar vontades" para reverter "o que non lle deron as urnas".