Aberto ata o 20 de marzo o prazo para solicitar praza escolar para o curso 2026-27
Vai dirixido o alumnado que entra por primeira vez non sistema educativo, así como os de infantil, primaria, ESO e bacharelato que desexan cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles
Os trámites poden realizarse vía telemática na aplicación informática "admisionalumnado"
O prazo para que as familias soliciten praza escolar para o próximo curso escolar 2026-27 está aberto desde este domingo ata o 20 de marzo, segundo informa a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
A administración autonómica sinala que este prazo afecta todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo -maioritariamente en cuarto curso de Educación Infantil-, así como para aqueles alumnos de educación infantil, educación primaria, ESO e bacharelato que desexen cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.
Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listas provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 27 de abril, as definitivas o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de infantil e primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e bacharelato.
Educación puxo ao dispor das familias a aplicación informática "admisionalumnado" para cubrir a solicitude que despois pode presentarse de forma presencial no centro ou por vía electrónica a través da propia ferramenta dixital.