O inicio do curso nas escolas infantís atrásase do 4 ao 7 de setembro
A Xunta toma esta decisión para dar tempo a materializar os concursos de traslados e a toma de posesión dos funcionarios
Case 900 educadoras elixiron destino e non coñecerán ata agosto en que centro empezarán en setembro
A Xunta atrasou o inicio de curso nas escolas infantís da rede pública do 4 ao 7 de setembro, co obxectivo de "garantir un correcto funcionamento" ante o movemento de persoal pola resolución dos concursos de traslados e tomas de posesión dos funcionarios.
A decisión foi comunicada de xeito urxente aos centros este 31 de xullo, último día de traballo na gran maioría das escolas infantís, coa petición de que esta información sexa trasladada ás familias.
Nos últimos días, case 900 educadoras elixiron destino e non coñecerán ata agosto en que centro empezarán en setembro, polo que organizacións como a CIG advertiron de que vai ser un comezo de curso "extremadamente caótico", tendo en conta que os equipos se conformarán con escasa marxe (o día 1) ante a chegada dos alumnos.
A rede de escolas infantís públicas da Xunta está composta por uns 170 centros e o que vén será o primeiro en que a maior parte das educadoras dos nenos de 0 a 3 anos terán praza fixa, tras 20 anos de temporalidade, desde a creación destes centros.