África González: "O risco para a poboación en xeral é relativamente baixo"
A inmunóloga lembra que o hantavirus é un virus coñecido e insiste na necesidade de que os pasaxeiros que estiveron no barco garden corentena
González apela á prudencia e advirte que o contacto con roedores e os seus excrementos é unha das principais vías de transmisión deste tipo de infeccións
A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, fixo este xoves unha chamada á calma ante a aparición dun gromo de hantavirus a bordo do barco MV Hondius que lle custou a vida a tres pasaxeiros.
A experta asegura que “non ten que haber alarma ”, aínda que recoñece “inquedanza” entre a poboación canaria, a onde chegará o buque este sábado para evacuar os 14 pasaxeiros españois que vixaban a bordo.
González subliñou que o hantavirus é un virus coñecido e que, aínda que pode transmitirse de persoa a persoa, non ten a capacidade de contaxio doutros virus respiratorios, como o sarampelo ou a covid.
A inmunóloga defende que os pasaxeiros do barco garden corentena -ben nas súas casas ou nun centro hospitalario- e insiste en que o risco de contaxio para a poboación en xeral é baixo.
"Sabemos o que é, sabemos como protexernos e o risco para a poboación xeral é baixo”, insistiu este xoves nunha entrevista no Bos días.
"Rematado o illamento sen síntomas, as persoas afectadas poden facer unha vida totalmente normal"
González afirma que é preciso localizar os pasaxeiros que puideron estar en contacto co virus e considera “lóxico” que estas persoas garden corentena, ben nos seus domicilios ou a nivel hospitalario.
A experta considera axeitado que o illamento sexa voluntario, aínda que recoñece que ela preferiría facelo nun hospital. “Se estivese nese barco gustaríame estar ben atendida e facer a corentena no hospital. O proceso pode ser rápido e alí teñen unidades de coidados intensivos”, explicou.
Unha vez rematado o período de illamento sen síntomas, as persoas afectadas “poden facer unha vida totalmente normal”.
O perigo de manipular animais mortos
A especialista aproveita para lanzar unha mensaxe preventiva sobre o contacto con roedores e os seus excrementos, unha das principais vías de transmisión deste tipo de infeccións.
Recomenda ventilar ben galpóns e espazos pechados antes de limpalos, evitar varrer en seco e utilizar lixivia. Tamén advirte de que non se deben manipular animais mortos sen luvas nin máscara.
“É importante que a xente saiba que existen zoonoses, virus presentes nos animais que poden pasar ao ser humano”, sinalou.