A festa da vedima do Saviñao rende homenaxe aos viños da Ribeira Sacra
É a cuarta edición dunha cita na que participan os seis produtores que hai na zona
A devesa de Escairón acubilla a festa da vendima, unha cita que exalta os traballos para a obtención do viño. Vai xa pola cuarta edición. O alcalde, Juan Carlos Armesto, explica que "había un oco, unha necesidade" de facer esta festa.
O pregoeiro do evento, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, pola súa banda, indica que "a vendima é o tiro de saída ao recoñecemento dos viños que se fan na Ribeira Sacra".
As seis adegas asentadas no Saviñao participan neste evento no que tamén hai espazo para a artesanía e a gastronomía.
Leticia Estévez, unha adegueira deste concello, recoñece que "é un lugar onde podemos amosar os produtos da zona", mentres que unha vendedora de queixos matiza que "o viño é o máis importante desta feira".
Importante e decisorio para a configuración da paisaxe. Tal e como explica o adegueiro Juan Carlos Varela, o que fai singular este lugar "é o viñedo". Unha contorna que opta a ser recoñecida como patrimonio mundial.