Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rafa Centeno: "Eu dirixo o proxecto, pero a Estrella Michelin é de todo o equipo"

Rafa Centeno: "Eu dirixo o proxecto, pero a Estrella Michelin é de todo o equipo"

Vértigo, en Sober, é o primeiro restaurante da provincia de Lugo en obter este recoñecemento internacional

O cociñeiro lucense conta con outra Estrella Michelin no restaurante Maruja Limón de Vigo

O cociñeiro Rafa Centeno e o equipo de Vértigo (cedida Bodegas Regina Viarum)
G24.gal 26/11/2025 10:17

O restaurante Vértigo, situado na adega Regina Viarum en Sober e dirixido polo chef Rafa Centeno, foi distinguido coa súa primeira Estrella Michelin, un fito que o converte no primeiro restaurante da provincia de Lugo en obter este recoñecemento internacional. O proxecto, que xa fora mencionado anteriormente pola guía, alcanza así un novo nivel de consolidación e excelencia gastronómica.

Nunha entrevista no programa Bos días da Televisión de Galicia, Rafa Centeno (Lugo, 1974) asegurou que "como lucense, traer unha Estrela á miña terra é un orgullo total, e se a isto lle sumo que comparto a cociña cos meus dous fillos, Guillermo e Diego, é para non esquecer, sempre vou levar este momento na memoria e na retina". 

"Eu dirixo o proxecto pero a Estrella [Michelin] é de todo o equipo, todos levamos este peso e temos que estar á altura", afirmou o cociñeiro. "Teño a sorte de estar rodeado dun equipo moi novo, eu son quen eleva a media de idade con diferenza, porque todos teñen menos de 30 anos e póñenlle moitas ganas, polo que estou seguro de isto é só o comezo", explicou. 

A de Vértigo tamén é a primeira Estrella Michelin para un restaurante de adega en Galicia historia da guía e a segunda para Centeno, que loce este galardón desde 2010 no seu restaurante Maruja Limón, situado en Vigo.

"Son momentos distintos, naquela época a cociña non estaba tan en auxe e non tiña tanta repercusión", afirmou o cociñeiro. Centeno chanceou con poder "abrir a maldición" que privaba a Lugo dunha Estrella Michelin "agora caerán máis na cidade, onde temos o lema de 'Para comer, Lugo'".

Centeno, na cerimonia de entrega das Estrellas Michelin 2025 celebrada este martes en Málaga (Jorge Zapata/Europa Press) Centeno, na cerimonia de entrega das Estrellas Michelin 2025 celebrada este martes en Málaga (Jorge Zapata/Europa Press)

A proposta culinaria de Centeno en Vértigo xira arredor dunha pequena carta e un menú degustación de tempada, elaborados con produto de proximidade. Esta filosofía foi "determinante" para a obtención da Estrella Michelin, e reforza, segundo explicaron fontes da adega nun comunicado, "a identidade do restaurante como unha homenaxe contemporánea á terra".

"Para min a Ribeira Sacra sempre foi un lugar máxico e levaba anos con ganas de facer algo en Lugo, era a espiña que tiña cravada, non pensei dúas veces cando se me abriu a oportunidade con Regina Viarum", contou Centeno no Bos días. "A Ribeira Sacra fai que sexa máis doado abrir as emocións dos comensais", recoñeceu. 

A localización do restaurante, en pleno corazón dos socalcos de Amandi, une a experiencia gastronómica co labor vinícola de Regina Viarum, "formando un binomio inseparable entre cociña e viño", detalla a mesma fonte, "que agora se ve recoñecido pola guía Michelin como referente enoturístico e gastronómico do país". "O galardón sitúa o restaurante e a Ribeira Sacra no mapa culinario internacional", conclúe o comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade