A calor non dá tregua en Galicia, tras rexistrar a temperatura máis alta de España
O sur da provincia de Pontevedra e a comarca de Valdeorras seguen en alerta vermella
Ribadavia vive unha nova xornada por riba dos 40 graos, despois de marcar este luns 42,8 graos, a temperatura máis alta de España (empatada coa vila cordobesa de Montoro)
Xullo foi moi cálido e seco en Galicia
A Xunta sitúa en nivel vermello a alerta por calor no Miño de Pontevedra e en Valdeorras

Nova xornada de calor abafante, e as previsións apuntan a que esta segunda vaga de calor do verán se vai prolongar ata o domingo. A Xunta mantén activada deste o luns unha alerta de nivel vermello para a bacía do Miño en Pontevedra e a comarca de Valdeorras en Ourense.
As temperaturas xa superaron esta mañá os 30 graos en moitos puntos destas zonas. Na véspera rexistráronse algúns dos valores máis altos de toda a península, o récord en Ribadavia, con 42,8 graos (igualando a cidade cordobesa de Montoro), seguido moi de preto por Ourense (41,6º).
A Xunta de Galicia decidiu ampliar este martes a suspensión da actividade deportiva federada ao aire libre en varios municipios galegos debido ás elevadas temperaturas que afronta a comunidade nos últimos días.
Esta medida permanece activa en concellos das catro provincias, con especial incidencia nas de Ourense e Pontevedra. Mentres tanto, na Coruña a práctica de deporte federado en exteriores estará prohibido en áreas costeiras do suroeste, en concreto nos termos municipais da Pobra do Caramiñal, Carnota, Porto do Son e Ribeira. En Lugo, a suspensión mantense só en dous concellos do val do Sil, como son Quiroga e Ribas de Sil.
Medidas contra a seca
Os concellos de Paderne (A Coruña), Caldas (Pontevedra), Covelo (Pontevedra) e A Guarda (Pontevedra) anunciaron medidas para restrinxir o consumo da auga.
Estes concellos publicaron anuncios para concienciar a poboación pola escaseza de auga que vén provocada pola vaga de calor e o alto consumo.
Solicitaron que se faga un uso responsable da auga e prohibiron accións como a rega, encher piscinas ou lavar os coches. Como extra, A Guarda anunciou que está a facer un control dos contadores para non tomar medidas máis graves.
Dende o Concello de Paderne aseguran que o obxectivo é prever o abastecemento de auga en vista das altas temperaturas do inicio de agosto.