A Xunta baixa a alerta por calor e sitúa Valdeorras e a Montaña de Ourense en nivel laranxa
A Montaña de Lugo queda no nivel amarelo
A Xunta revisou este sábado os niveis de alerta por altas temperaturas e xa son só corenta os municipios en alerta
Nos concellos con alerta laranxa segue suspendida a actividade deportiva federada en exteriores ata pasadas as 21 horas

A Xunta baixa o nivel de alerta por calor, de maneira que ningunha zona de Galicia se atopa xa baixo risco extremo e só se sitúan Valdeorras e a Montaña de Ourense no nivel laranxa, ademais da Montaña de Lugo no nivel amarelo.
O Goberno galego actualizou este sábado os niveis de alerta establecidos no Plan de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, de maneira que xa son só corenta os municipios en alerta.
En alerta laranxa, con risco medio, sitúanse os concellos ourensáns do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.
En alerta amarela, con risco baixo, atópanse os municipios lucenses de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.
Nos concellos con alerta laranxa segue suspendida a actividade deportiva federada en exteriores ata pasadas as 21 horas como medida de precaución ante a intensa calor.
As actividades acuáticas están permitidas, coa recomendación de non realizalas durante as horas centrais do día, é dicir, de 12:00 a 17:00 horas.
Nesta semana chegaron a estar sinalados con diferentes alertas por calor preto de cento cincuenta municipios de todas as provincias galegas.
Ante estes episodios meteorolóxicos, desde a Xunta reiteran as habituais recomendacións para protexerse das altas temperaturas, como beber líquidos e manterse á sombra, ademais de solicitar axuda médica urxente a través do 061 en caso de esgotamento ou golpe de calor.