As temperaturas achegaranse aos 30 graos este venres e caerán o sábado ata os 15
A chegada das baixas presións e dunha fronte pouco activa fará que pasemos do verán ao outono en apenas unhas horas
As temperaturas máximas rozarán este venres os 30 graos en varios puntos de Galicia, nunha xornada en que a comunidade está nunha situación intermedia entre as altas e baixas presións, e que dará paso a un sábado de ceo máis cuberto e con termómetros que rexistrarán un descenso notable nos seus valores.
Así, segundo os datos de MeteoGalicia, este venres Galicia terá, en xeral, ceo despexado, con posibilidade dalgunha bruma no litoral norte. Co paso das horas crecerán as nubes de evolución nas zonas montañosas e os termómetros rexistrarán un ascenso notable no norte, con valores máximos oscilarán entre os 22 graos previstos na Coruña e os 30 de Ourense. En Pontevedra espéranse 28 graos de máxima, 27 graos en Santiago, Lugo e Vigo, e 25 graos en Ferrol.
De cara ao sábado, MeteoGalicia sinala que a comunidade quedará baixo a influencia das baixas presións, coa entrada, xa desde a madrugada, dunha fronte pouca activo desde o Atlántico. Así, espérase unha mañá de sábado con ceos cubertos e choivas débiles na metade Este de Galicia, e a apertura de claros a medida que avance o día.
As temperaturas sufrirán un extraordinario descenso nos seus valores máximos, e oscilarán entre os 11 graos de Santiago e os 15 graos de Vigo ou Ourense.