Alerta vermella por calor no sur da provincia de Pontevedra e en Valdeorras
A Xunta activa a alerta laranxa no resto dos concellos das Rías Baixas
Cancélase toda actividade deportiva federada ao exterior na costa sur, Pontevedra e Valdeorras

A Xunta de Galicia subiu este luns ao nivel máis elevado, o vermello, a alerta polas altas temperaturas que se prevén en zonas do sur da provincia de Pontevedra e na comarca de Valdeorras no medio dunha vaga de calor que se prolongará durante toda a semana.
Así, nas próximas horas, na ribeira pontevedresa do Miño, que inclúe desde zonas de interior como Arbo ou As Neves ata municipios costeiros como O Rosal ou A Guarda, quedará suspendida toda actividade deportiva federada ao aire libre; do mesmo xeito que sucederá noutros lugares das Rías Baixas, o suroeste da provincia da Coruña ou Valdeorras.
É unha das medidas preventivas adoptadas nunha xornada na que permanece activa a alerta laranxa por episodios de calor no litoral pontevedrés e en zonas do suroeste coruñés, que abarca a ría de Arousa e o tramo baixo do río Ulla.
O val do Miño en Ourense, o sur desta provincia e a montaña continúan así mesmo no nivel básico de alerta, o amarelo, por altas temperaturas.

As previsións de MeteoGalicia estiman que durante o día de hoxe amainará o vento do nordeste e subirán as temperaturas no centro e no sur de Galicia; mentres que mañá soprarán maiores refachos e haberá un descenso térmico "máis acusado na metade norte" do territorio galego.
Principais recomendacións
Os principais grupos de risco ante esta extrema calor son os maiores de 65 anos e os menores de 4, con especial atención aos nenos menores de 1 ano. Tamén as persoas que padecen patoloxías e as que tomen certos fármacos.
A situación das persoas tamén é crucial, pois os maiores que viven sós, as que vivan en vivendas mal acondicionadas ou con problemas de peso tamén son grupos de risco.
Os principais consellos da Consellería de Sanidade son beber máis líquidos, sobre todo auga, evitar as bebidas quentes, aumentar o consumo de ensaladas e verduras, comer menos cantidade e máis veces ao día.
Outros non referidos aos alimentos son o uso de lentes de sol e crema solar, calzado fresco, baixar as persianas durante o día e ventilar a casa durante a noite, non deixar nenos no coche estacionado e pechado, reducir a actividade física e utilizar habitacións frescas.
No caso de sufrir esgotamento ou golpe de calor, débese solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.
Mentres chega a asistencia, pódese tratar de baixar a temperatura do afectado poñéndoo á sombra ou nun lugar tranquilo e hidratalo sempre que estea consciente.
Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.