O incendio de Chandrexa de Queixa alcanzou as 2000 hectáreas queimadas
Decretan a situación 2 pola proximidade do lume ás vivendas no lugar de Tamagos, en Verín
Mantense activo outro incendio en Vilariño de Conso, que segundo as últimas estimacións arrasou xa unhas 180 hectáreas
O incendio forestal de Chandrexa de Queixa, que arde sen control desde o venres, alcanzou as 2000 hectáreas queimadas, segundo as últimas estimacións que fixo públicas a Consellería do Medio Rural este luns á tarde, o que fai del o maior deste verán en Galicia.
O lume orixinouse na parroquia de Requeixo, no Macizo Central ourensán, e para combatelo mobilizáronse, ata o momento, 12 técnicos, 40 axentes, 66 brigadas, 34 motobombas, 6 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 10 avións.
Situación 2 na parroquia de Mourazos, en Verín
Esta mañá tamén se declarou un incendio en Verín, na parroquia de Mourazos, no que se decretou a situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ás vivendas no lugar de Tamagos. Polo momento non hai estimación da superficie queimada.
Na provincia de Ourense tamén segue activo desde este domingo pola tarde un incendio en Mormentelos, no municipio de Vilariño de Conso con 180 hectáreas de superficie afectada, segundo a última actualización de datos deste luns á mañá.
Esta madrugada deuse por estabilizado de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro, con 400 hectáreas queimadas. Amais diso deuse está controlado o de Padrenda, con 40 hectáreas.
Na provincia da Coruña mantense estabilizado o de Monfero, na parroquia de Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume e queimou 5 hectáreas.
Na provincia de Lugo controlouse o da Fonsagrada, na parroquia de Monteseiro, con 150 hectáreas ardidas, e na de Pontevedra atópase estabilizado o da Estrada, na parroquia de Souto, con 20 hectáreas afectadas.