Alerta vermella por calor en Valdeorras e laranxa no centro e na montaña de Lugo
Máis de cen concellos seguen con avisos activos polo episodio de altas temperaturas
O deporte federado ao aire libre continúa prohibido ata as 21:00 nas áreas afectadas

A Xunta elevou este venres a nivel vermello, de risco extremo, a alerta por calor na comarca ourensá de Valdeorras, mentres que o centro e a montaña de Lugo pasan a nivel laranxa. O sur de Lugo e a montaña de Ourense manteñen tamén este aviso, e outras zonas do sur, o noroeste e a contorna do Miño en Ourense continúan en nivel amarelo.
O novo mapa de avisos, recollido no Plan de actuacións fronte aos efectos das altas temperaturas sobre a saúde, mantén a máis de cen concellos baixo algún nivel de alerta.
Risco extremo
En risco extremo están O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.
Alerta Laranxa
No caso do risco importante, que implica alerta laranxa, sitúanse tanto os municipios do centro de Lugo —como Abadín, Castro de Rei, Lugo ou Sarria— como os da súa montaña, entre eles Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada ou Pedrafita do Cebreiro. Na provincia de Ourense, este nivel afecta ás comarcas da montaña e do sur, incluíndo concellos como A Gudiña, Manzaneda, A Mezquita, Verín, Xinzo de Limia ou Monterrei.
Prohibida a práctica deportiva
As medidas preventivas inclúen a prohibición da práctica deportiva federada ao aire libre ata pasadas as 21:00 horas nas zonas en alerta. As actividades acuáticas están permitidas, pero recoméndase evitalas nas horas centrais do día, entre as 12:00 e as 17:00, para reducir o risco de golpes de calor.
Dende a Xunta lembran a importancia de manter unha boa hidratación, procurar espazos con sombra e solicitar asistencia médica urxente a través do 061 en caso de síntomas compatibles con esgotamento ou golpe de calor. Este episodio meteorolóxico mantén activadas diferentes alertas por calor en preto de cento cincuenta municipios galegos ao longo da semana.