A actual vaga de calor vai camiño de converterse na máis longa rexistrada en Galicia
A vaga de calor continuará reforzada a partir do xoves
Para o resto de España o aviso da AEMET esténdese, segundo as previsións actuais, ata o vindeiro luns
A actual vaga de calor vai camiño de converterse na máis longa rexistrada en Galicia. Comezou o 3 de agosto e xa van 10 días de intensa calor.
"Comparable a outra rexistrada en agosto de 2003 e algunha posterior a outra do mes de xullo en 2013", comenta Rafael Sánchez, meteorólogo da Delegación da AEMET en Galicia.
Está a ser máis longa, pero tamén con menos récords de temperatura. Un exemplo: no observatorio de Ourense, unha das zonas máis cálidas de Galicia, a máxima foi de 41,6º.
"Hai un dato anterior de 42,4º que se rexistrou tamén un 4 de agosto, pero de 1990", sinala.
Durante unha vaga de calor tan prolongada poden producirse días illados con temperaturas máis suaves, especialmente na costa coa formación de brétemas.
De aí que a AEMET actualizara nas últimas horas a súa previsión.
"O problema vén de que pequenas oscilacións nas temperaturas cando se fan os prognósticos con varios días de anticipación, dá lugar a que se considere que estamos aínda dentro da vaga de calor ou non", engade.
A vaga de calor continuará reforzada a partir do xoves.
"Agárdase que o xoves e o venres volvan subir as temperaturas e logo si que parece que polo menos en Galicia a partir do sábado comencen a baixar as temperaturas de forma xa sostida", apunta.
Para o resto de España o aviso da AEMET esténdese, segundo as previsións actuais, ata o vindeiro luns.