MeteoGalicia predí que pasaremos do verán ao inverno en 24 horas
A oscilación térmica poderá ser de ata 17 graos do venres para o sábado, con "valores baixos para a época do ano"
TVG
MeteoGalicia predí que pasaremos do verán ao inverno en 24 horas. O servizo meteorolóxico vaticina que a oscilación térmica poderá ser de ata 17 graos do venres para o sábado, xornada en que se rexistrarán "valores baixos para a época do ano" en practicamente todo o país.
Predición a curto prazo
Galicia recupera este xoves a influencia das altas presións situadas nos Azores. Segundo explica MeteoGalicia, as néboas e nubes baixas das primeiras horas irán dando paso a ceo pouco nubrado ou despexado en xeral. As néboas costeiras persistirán no litoral norte.
As temperaturas mínimas sufriron un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro a moderado ascenso ao sur, sen cambios ou en lixeiro descenso ao norte.
O vento soprará do norte-nordés moderados en xeral, con refachos fortes entre Bares e Fisterra.
O venres Galicia quedará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, co paso dunha fronte pouco activa na madrugada do sábado. MeteoGalicia predí néboas en comarcas do interior e ceos moi despexados en xeral, con máis nubes na metade norte e posibilidade de brétemas costeiras no litoral norte.
Pola tarde crecerán nubes de evolución nas montañas do leste da comunidade, sen descartar algún chubasco illado. As temperaturas experimentarán un notable ascenso na metade norte. O vento soprará do leste-nordés frouxo en xeral, sendo do sur moderado pola tarde na metade leste.
As máximas previstas serán de 30 graos de Ourense, 29 en Pontevedra, 28 en Vigo, 27 en Lugo e Santiago, 25 en Ferrol e 22 na Coruña; mentres que as mínimas estarán entre os 12 de Vigo e e os 8 de Lugo.
Temperaturas baixas para a época do ano
Durante o sábado o país quedará baixo a influencia das baixas presións que se achegarán desde ou Atlántico, cunha fronte pouco activa entrando na madrugada. Con isto, teremos pola mañá ceos moi nubrados con precipitacións febles na metade leste nas primeiras horas, co transcurso do día iranse abrindo claros en todo o territorio, mesmo cos ceos moi despexados non sur e Rías Baixas.
As temperaturas sufrirán un descenso moi notable, con valores baixos para a época do ano. Practicamente todo o país notará unha baixada térmica moi acusada, cunha oscilación de ata 17 graos en 24 horas, no caso de Ourense. Estas son as marcas previstas: 14 graos en Vigo e Pontevedra, 13 en Ourense, 12 na Coruña, 11 en Ferrol e Lugo e 10 en Santiago. As mínimas moveranse entre os 2 de Ourense e os 9 da Coruña.
📢Así evolucionarán as temperaturas nos próximos días:
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) April 8, 2026
▫️Ascenso moi significativo mañá xoves e o venres, con tempo seco 📈
▫️Moi acusada caída térmica o sábado📉 pic.twitter.com/mQw1Po54co
Os ventos soprarán de compoñente norte moderados en xeral, fortes nas Rías Baixas.