A armadora do Pitanxo defende que había traxes de supervivencia para todos os mariñeiros
A empresa presenta ante a xustiza documentación sobre as medidas de seguridade a bordo
As familias cren que estes materiais non rebaten a contundencia dos atestados da Garda Civil e dos informes periciais
O Grupo Nores move ficha. A empresa armadora do Villa de Pitanxo entregou nas últimas horas un escrito en que defende a existencia a bordo do barco sinistrado de traxes de supervivencia para todos os membros da tripulación. Aseguran ademais os armadores que se lles dera formación para poñelo.
É unha documentación que os avogados das familias continúan a analizar, pero que, de entrada, para os achegados dos mariñeiros dos falecidos e dos desaparecidos segue sen probar que a embarcación, que o Villa de Pitanxo, estivese correctamente dotada das medidas de seguridade e saúde pertinentes, habida conta de que, de todos os mariñeiros que apareceron, con vida ou sen ela, só dous dos tres superviventes, precisamente o patrón e o seu sobriño, levaban posto o traxe.
Da documentación que a casa armadora entregou na Audiencia Nacional, as familias teñen coñecemento da existencia dunha foto antiga e de albarás que, ao seu entender, non rebaten a contundencia dos atestados da Garda Civil.
Só dous superviventes, o patrón e o seu sobriño, levaban o traxe de seguridade posto cando foron rescatados en mar aberto. As familias confían en que, con toda a documentación dispoñible, a instrución xudicial sexa exemplar.
Os achegados dos falecidos interpuxeron unha querela criminal contra o patrón, o seu sobriño e a armadora do barco afundido por entender que existen indicios de delitos tales como 21 homicidios imprudentes, contra a seguridade dos traballadores, encubrimento e coaccións.