O Poder Xudicial arquiva a investigación ao xuíz que interrogou a Elisa Mouliaá
Conclúe que o maxistrado "dirixiu a declaración sen cometer ningunha infracción disciplinaria, aínda cando empregase termos ou expresións que resultan incómodos"

O Consello Xeral do Poder Xudicial arquivou a investigación aberta ao xuíz Adolfo Carretero polo seu interrogatorio a Elisa Mouilaá no marco da investigación aberta a Íñigo Errejón por presunta agresión sexual, que provocou máis de 900 queixas e denuncias na súa contra.
A investigación a Carretero iniciouse despois de que se filtrase o vídeo do seu interrogatorio a Mouliaá e o seu promotor resolveu arquivala porque, tras ver a gravación íntegra, conclúe que o maxistrado,
"Dirixiu a declaración sen cometer ningunha infracción disciplinaria, aínda cando empregase termos ou expresións que resultan incómodos ou formulase preguntas dirixidas a contrastar a veracidade da versión mantida pola declarante", así o indica o CXPX nun comunicado.
No mesmo informe recolle outro dos argumentos dados polo promotor: que "a visión descontextualizada de tan só unha parte da gravación ofrece unha realidade inexacta ou distorsionada, que non se corresponde coa que se constata unha vez visionada na súa integridade".
No vídeo filtrado, escoitábase como o xuíz preguntou a Mouilaá "para que se sacou o membro viril" Errejón, se o denunciou porque este se riu dela ou por que non o parou.
A comisión permanente do CXPX aceptou a proposta de arquivo, onde se explica que o xuíz preguntou de forma cronolóxica respecto a os feitos que figuraban na denuncia para contrastar a súa verosimilitude e "valéndose de determinados termos literais recollidos no escrito de denuncia, o que explica o uso de determinado vocabulario".
Ademais, o xuíz advertiu a Mouliaá ao comezo da declaración que algunhas preguntas podían resultarlle inconvenientes ou molestas, nin o seu avogado nin o Ministerio Fiscal formularon durante a declaración queixas pola actuación do instrutor e a propia declarante non presentou denuncia contra o maxistrado.
Tamén argumenta o promotor da investigación que o letrado de Mouliaá falou da dureza do interrogatorio á prensa, pero manifestou que dita rigorosidade podía ser positiva para avaliar a solidez da denuncia e que se respectou a presunción de inocencia do acusado en todo momento.
Desta forma, o CXPX arquiva as dilixencias abertas contra Carretero, quen ante as críticas na súa contra chegou a pedir amparo ao Poder Xudicial, que o pasado 2 de outubro rexeitou amparalo porque os reproches recibidos non afectan á independencia xudicial nin tampouco a poñen en risco, segundo indicaron fontes xurídicas.