Morre un veciño de Dozón polo ataque dun enxame de velutinas
O home saíra rozar co tractor e as nespras botáronse contra el sen tan sequera tocar o niño que estaba no chan
A vítima, de 79 anos, foi trasladada ao hospital de Santiago e faleceu despois de dous días na UCI
Os berros escoitáronse a máis de medio quilómetro, na granxa máis próxima.
"Andabamos metendo as vacas e sentino berrar e collín o coche e marchei. Subiu ao coche perfectamente, pero cando chegamos ao Castro xa me dixo que non vía e xa non me falou", relata aínda moi afectado Francisco Pérez, o veciño que acudiu na súa axuda.
O home, de 79 anos, e en moi boa forma física, saíra rozar nunha carballeira que tiña a poucos metros da casa. Atacárono a traizón.
"Pasoulle de lado. Se polo menos lle pasase por riba", indica Manuel Pérez, outro veciño, no sitio.
"Estaba rozando co tractor e o niño estaba enterrado na terra. Non sei se lle tocaría cunha silveira ou coa vibración mesmo e saíron e viñeron por el. Tiña moitas picadas. Moitas", lamenta seu pai.
Foi un ataque feroz. Atendérono primeiro no centro de saúde e despois no hospital. Non consta que fora alérxico pero as nespras desfixéranlle o corpo, o enxame ao completo e non era o único que había nos arredores.
"Andaron mirando e sacaron niños. Había aí nun bido un dun metro de diámetro e sacaron dous máis. En total, aquí o día que viñeron sacaron catro", confirma o Pérez máis novo.
Hai máis dos que se ven. O ano pasado, Seaga retirou case un milleiro de niños na comarca do Deza-Tabeirós. A xente que traballa a diario no campo témelle.
"Ao andar por aí adiante, ter coidado nos contornos onde hai árbores e onde hai maleza porque ata o de agora só se vían nas árbores pero ultimamente están moito entre as silveiras, enterradas no chan coma se foran toupeiras grandes. Eu para traballos de rozar, como teño tractores novos e xeitosos, procuro andar ca cabina ben pechada", recomenda Manuel.
O teléfono para avisar da presenza de niños é o 012. Agora no outono, coa chegada do frío, o normal é que se vexan menos pero, ollo, porque, coma as meigas, habelas hainas.