A comunidade caboverdiana en Burela celebra a clasificación do país para o Mundial de fútbol
A vitoria por 3 a 1 sobre Suazilandia confirmaba a clasificación para o mundial que se xogará o ano que vén nos Estados Unidos, O Canadá e México
A selección caboverdiana está formada maioritariamente por xogadores nacidos fóra do país, fillos e netos de emigrantes
A clasificación, por vez primeira na súa historia, da selección de Cabo Verde para a fase final do mundial de fútbol foi acollida con ledicia pola numerosa comunidade deste país africano establecida en Burela, na Mariña luguesa.
“Emocionante, un orgullo grande poder ver o meu país por vez primeira estar onde está agora, é un orgullo”.
“Moita emoción, un soño realizado ver a Cabo Verde xogando un Mundial, é un soño”.
A vitoria por 3 a 1 sobre Suazilandia, que confirmaba a clasificación para o mundial que se xogará o ano que vén nos Estados Unidos, O Canadá e México, coincide coa conmemoración do 50 aniversario da independencia deste pequeno arquipélago lusófono situado fronte á costa occidental de África.
“Para un pobo como Cabo Verde, chegar a clasificarse para un mundial é todo un mérito, sobre todo polos xogadores que ten”.
A selección caboverdiana está formada maioritariamente por xogadores nacidos fóra do país, fillos e netos de emigrantes. Con algo máis de medio millón de habitantes, Cabo Verde é o segundo país menos poboado que chega á fase final dun mundial, só superado por Islandia.