Instalan 20.000 trampas para loitar contra a velutina
As avespas velutinas están espertando do letargo invernal e é o momento de facer o trampeo, para combater esta especie invasora que ameaza as nosas abellas
En Galicia, a Xunta vai instalar nesta campaña ao redor de 20.000 trampas, destinadas a capturar as raíñas antes de que fagan os novos niños
Tres tipos de artificios emprega a empresa pública Seaga, encargada do control da praga, para o trampeo das velutinas, pero hai un que destaca polo seu enxeño. Chámase EVA e selecciona as vítimas.
"Ten dúas pequenas bridas laterais para que suban o resto dos insectos, que só caia a velutina e que os pequenos poidan saír", explica Gonzalo del Río, capataz de Seaga.
Nesta campaña está previsto instalar 20.000 trampas en Galicia. O obxectivo son as raíñas.
"Este ano estamos vendo que creceron, que as raíñas están ben mantidas. Deberon ir ao ximnasio en inverno, en vez de durmir. Tamén é unha selección da especie: imos matando, eliminando, e van quedando as fortes. Ademais, teñen máis alimento porque eliminamos competencia no alimento", destaca del Río.
O equipo que acompaña a Gonzalo leva cinco anos con esta tarefa. Coñecen os hábitos das velutinas e saben onde instalar as trampas. Axúdanse dunha aplicación da Universidade de Vigo onde rexistran a actividade das avespas.
"Na previsión de trampas, sáennos todas as trampas a colocar. En que baseamos a colocación? Polos avisos de niños que se dispararon", explica.
Os ríos son zonas especialmente sensibles. As autoestradas das avespas.
"As vespas móvense polo río. Precisan, ademais, moita auga para facer a celulosa dos niños. É a súa autoestrada, é fácil collelas aquí. A maioría pasan o inverno preto da auga", sinala Gonzalo.
No trampeo do ano pasado capturaron máis de cen mil raíñas.