A Xunta pecha unha vivenda comunitaria de maiores en Xinzo
Inspección detectou que non cumpría coas garantías de benestar para os usuarios
A Xunta informou aos familiares de todos os usuarios, que foron reubicados en prazas residenciais públicas da contorna
A Xunta de Galicia pechou unha vivenda comunitaria en Xinzo de Limia por incumprir as garantias necesarias para o benestar dos seus usuarios.
Inspección detectou que na vivenda San Gabriel, con 10 prazas autorizadas, residían 15 persoas. Ademais algunhas superaban o grao de dependencia establecido para residir neste tipo de vivendas. Tan pronto como comprobou a situación a Xunta procedeu a pechar as instalacións e a informar aos familiares de todos os usuarios, que foron reubicados en prazas residenciais públicas da contorna.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou que a Xunta "sempre actúa con contundencia e con inmediatez" cando se trata de velar polo benestar das persoas maiores e de garantir a súa correcta atención.
"Así o demostramos recentemente tras o peche dunha vivenda comnunitaria no Concello de Amoeiro e acabamos de demostralo hoxe mesmo tras o peche da vivenda San Gabriel en Xinzo, ambas as de titularidade privada", destacou a conselleira.
Fabiola García asegurou que a decisión foi tomada tras a proposta dos funcionarios do corpo de inspección da Xunta despois dunha visita rutineira na que se comprobaron "graves deficiencias".
"Á Xunta nunca lle vai a tremer a man, sempre vai continuar actuando con firmeza e con inmediatez cando estea en risco o benestar e a calidade de vida das persoas maiores", incidiu.