Ourense vai contar con 50 novas prazas en residencias de maiores
Alfonso Rueda inaugurou o centro de Xunqueira de Ambía, no que xa hai preto de 20 persoas
A Xunta investe 18,5 millóns de euros nun plan para construír ou mellorar 24 residencias e centros de día en Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a nova Residencia de maiores municipal María Puga Martínez, en Xunqueira de Ambía, como "exemplo do compromiso" da Xunta co rural galego e que os seus veciños poidan ser coidados nos seus lugares de orixe.
"Á xente hai que coidala, desde que nace ata o final da súa vida. A obrigación das administracións é tentar atender as súas necesidades na medida do posible, e cando a xente se vai facendo maior é cando hai que poñer máis esforzo. E niso estamos aquí", resaltou Rueda.
Así o salientou, acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a inauguración dun centro que contou cun investimento de 1,7 millóns de euros --dos cales a Xunta achega 1,2 millóns e a Deputación de Ourense o resto.
Na residencia de Xunqueira de Ambía, con dispoñibilidade para atender medio cento de persoas, hai xa 16 usuarios. A súa directora, María José Conde, asegura que "o noso equipo coida, respecta e axuda ás persoas".
O Goberno galego pon en marcha 700 novas prazas en residencias e centros de día. Alfonso Rueda di que "a xente hai que coidala dende que nace ata o final da súa vida e a obriga das administracións que manexamos os cartos de todos e atendelas".
A de Xunqueira de Ambía é a primeira residencia que se inagura dentro do plan da Xunta para mellorar ou construír 24 residencias e centros de día en Galicia, cun investimento de 18 millóns e medio de euros.
Triplicouse a oferta
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta remarcou os avances en materia de política social, sinalando que desde 2009 "triplicouse a oferta de prazas públicas en residencias, superando as 16.000 actuais, e que o obxectivo é impulsar 3.500 novas ata o ano 2028".
Tamén defendeu que a Xunta "consolida axudas" como o Bono Coidado no Fogar (que conta con 38.000 beneficiarios) e o Servizo de Axuda no Fogar (con 23.000 usuarios), cuxa achega por parte da Administración autonómica increméntase nun 50 % tras o acordo coa Fegamp.