Unha xuíza nomeada por Trump detén a despregadura de tropas en Portland
Emitiu unha orde temporal de 14 días para considerar a demanda presentada polo Goberno de Oregón

Unha xuíza federal impediu de xeito temporal que o Goberno do presidente Donald Trump despregue soldados da Garda Nacional en Portland (Oregón), no medio da escalada da Casa Branca para militarizar cidades lideradas por demócratas.
A maxistrada Karin Immergut, nomeada por Trump, emitiu unha orde temporal de 14 días para considerar a demanda presentada polo Goberno de Oregón para evitar o envío de 200 soldados da Garda Nacional deste estado a Portland, onde se intensifican as protestas polas redadas migratorias.
Na querela xudicial o estado da costa oeste dos EUA e a cidade de Portland acusan o Goberno republicano de estar a abusar do poder executivo de xeito inconstitucional.
"Lonxe de promover a seguridade pública, as accións provocadoras e arbitrarias" da Administración Trump "ameazan con socavala ao incitar a indignación pública", sinala o recurso legal.
O mandatario ordenou a despregadura dos soldados o domingo pasado, despois de que a gobernadora de Oregón, a demócrata Tina Kotek, rexeitara o pedido do secretario de Defensa, Pete Hegseth, para mardar a garda por iniciativa propia, unha estratexia tamén utilizada en Illinois.
A Casa Branca deu a orde co argumento de que teñen que reforzar a seguridade ante as protestas polas redadas migratorias, que aumentaron por mor dalgunhas das decisións do republicano, como a de designar o movemento Antifa como grupo terrorista.
O Rose City Antifa, fundado en Portland, é un dos grupos máis coñecidos do movemento antifascista na actualidade. Trump referiuse varias veces a esta localidade como unha cidade devastada pola guerra.

Rexeitamento
Tanto a gobernadora Kotek, coma outros líderes da zona refutaron as afirmacións do presidente sobre a necesidade das tropas federais para sufocar as protestas e consideran ter baixo control unhas manifestacións xeralmente pacíficas ata o de agora.
En contraste, os axentes migratorios incrementaron os enfrontamentos contra os manifestantes, segundo amosan imaxes captadas pola prensa e testemuñas.
Este sábado realizáronse máis arrestos de manifestantes fronte ao edificio do Servizo de Control de Inmigración e Aduanas (ICE).
Imaxes da televisión local de ABC captaron como os axentes federais perseguiron un manifestante, derrubárono e botáronlle gas pementa na cara cando estaba no chan.