Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous sobriños do patriarca dos Charlíns, entre os detidos no operativo contra o narcotráfico no Salnés

Dous sobriños do patriarca dos Charlíns, entre os detidos no operativo contra o narcotráfico no Salnés

A morte dun veciño de Corvillón, en Cambados, por un disparo da policía fai que se abra outro procedemento no Xulgado de Cambados

Os detidos pasarán este xoves á disposición xudicial 

A investigación ten a súa orixe nun alixo dun cento de quilos de cocaína

Axentes da Garda Civil en Cambados investigan a morte dun home por un disparo da policía (Europa Press/Adrián Irago)
G24.gal 17/06/2026 14:20 Última actualización 17/06/2026 14:52

Un grande alixo de cocaína propiciou a operación policial de onte no Salnés en que morreu un home e detiveron catorce persoas, dúas deles do clan dos Charlíns. Operación antidroga que quedou escurecida pola morte dun veciño de Cambados por un disparo da policía. A operación policial estaba en mans do Xulgado número 1 de Vilagarcía, pero a morte deste home obrigou a abrir unha peza separada nos xulgados de Cambados.

Mentres a Garda Civil recompilaba datos do ocorrido na vivenda do Corvillón, axentes da Udyco remataban unha vintena de rexistros pola comarca do Salnés, Vigo e a Comunidade de Madrid.

A meirande parte concentráronse en vivendas, naves e garaxes de Vilagarcía de Arousa, con polo menos dous detidos. Tamén houbo outro detido en Ribadumia, e en Vilanova os axentes apresaron dous sobriños do patriarca do clan dos Charlíns.

Son en total 14 detidos que pasarán mañá á disposición xudicial en Vilagarcía. A operación segue aberta, e fontes da investigación apuntan a que tivo a súa orixe nun importante alixo de cocaína, de máis dun cento de quilogramos, logo dunha longa investigación que queda en segundo plano tras o sucedido en Corvillón.

O apelido Charlín volve aparecer nas operacións contra o narcotráfico

É unha das organizacións máis perigosas e lonxevas de Galicia, o clan dos Charlíns comezaron como contrabandistas de tabaco ata converterse no primeiro gran cártel de cocaína en España nos anos 80. O seu líder, Manuel Charlín, foi protagonista da operación Nécora, o primeiro macrogolpe policial contra o narcotráfico en Galicia.

Desa vez conseguiu saír absolto. Naquela época nacía un movemento social impulsado polas nais de mozos afectados pola droga.

Outros casos levaron o histórico contrabandista a prisión, onde pasou vinte anos por organizar o transporte en barco de 600 quilos de cocaína desde Colombia. A estrutura do clan caracterizouse por un forte compoñente familiar.

Manuel Charlín faleceu no 2022, pero o apelido continúa ligado a investigacións relacionadas co narcotráfico. Na actualidade as novas xeracións manteñen viva a actividade delictiva. 

A última operación en Cambados é a proba que a pegada do clan segue presente. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar