Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece un home de 31 anos en Cambados nunha redada antidroga

Falece un home de 31 anos en Cambados nunha redada antidroga

O falecido, un dos investigados por tráfico de drogas, chegou ferido de bala ao Hospital do Salnés sobre as 7:30 da mañá

"Non quixo fuxir nin nada polo estilo, nin ía armado. Estaba indefenso", recalca a moza da vítima, que estaba con el no momento do suceso

A operación, con 12 detidos, foi declarada secreta e continúa aberta

G24.gal 16/06/2026 11:11 Última actualización 16/06/2026 15:59

Un home de 31 anos morreu este martes dun disparo da Policía durante un operativo contra o narcotráfico que se está desenvolvendo na comarca pontevedresa do Salnés, segundo informaron fontes policiais.

O suceso rexistrouse sobre as seis e media da mañá nas inmediacións dunha vivenda situada no lugar de Corbillón, en Cambados. O falecido, Jonathan S. T..

Entraron para un rexistro, supostamente buscando vínculos cos narcos, e desatouse a traxedia.

"Entraron na casa do meu fillo, tiraron a porta abaixo. Non fixo anda e disparáronlle e matárono. Así de simple, disparar e matar. Eles estaban na cama. Ía marchar para o mar ás oito da mañá".

É o lamento da nai do falecido, un home de 31 anos, ao que non se lle coñecen antecedentes relacionados coa droga. Lamento e denuncia no que coincide a súa parella, a única testemuña.

"A miña casa ten a porta, hai unhas escaleiras e xa está a porta do meu cuarto. Tiraron a porta abaixo, el asomouse pola porta, eles xa estaban subindo e disparáronlle. Asomouse á porta. Non quixo fuxir nin nada polo estilo, nin ía armado. Estaba indefenso", recalca a moza.

A vítima foi trasladada ao servizo de urxencias do Hospital do Salnés, onde ingresou cunha ferida de bala, segundo confirmou o Servizo Galego de Saúde. Faleceu pouco despois, durante as primeiras atencións do equipo asistencial.

Fontes policiais confirman que non houbo intercambio de disparos, pero é a Garda Civil quen se fixo cargo da investigación.

"Ao haber o disparo veu a policía xudicial pero da Nacional e ao dicirlle que falecera a xuíza que estaba alí dixo que tiñan que parar o rexistro e chamaron á Garda Civil porque como son compañeiros, que non se taparan. O rexistro quedou sen acabar", explica unha muller próxima ao falecido. 

​​​Con todo, o avogado da familia do falecido, Guillermo Presa, asegurou que "non se produciu ningún tiroteo", senón "un único disparo da policía".

"Estaba espido na cama, a Policía rebentou a porta, asomouse para ver que pasaba e recibiu un disparo", relata o avogado, á vez que asegura que na vivenda os axentes "non atoparon ningunha arma".

Por conseguinte, abriuse unha investigación por homicidio da cal se fixo o xulgado número 4 de Cambados, que é o que estaba de garda.

José Javier Martínez, voceiro do sindicato da Policía Nacional da CEP Galicia, pediu agardar a investigación xudicial dos feitos para saber exactamente o que ocorreu e non tomar por válida a versión dunha parte.

"Poñemos en dúbida que un axente cometa ese erro", afirma o voceiro da CEP.  

A actuación formaba parte dunha macrooperación contra o narcotráfico da Policía Nacional bastante máis ampla. Houbo uns vinte rexistros simultáneos en vivendas do Salnés e da Arousa. Algúns máis discretos, coma nun piso do centro de Vilanova, nun edificio de tres plantas con entrada por unha rúa estreita. 

Outros foron máis aparatosas, coma o dun chalé en Rubiáns, a vivenda dun histórico, Lino Baloiras, un narco que aínda está cumprindo condena desde a última redada. 

Ultimamente, vírono pola casa, suponse que con permisos, pero non hai confirmación oficial de se hoxe estaba dentro. Un familiar acompañou os axentes durante os rexistros de toda a propiedade, unha propiedade ampla, con varias edificacións, que repasaron palmo a palmo. A trasfega foi constante, da casa ao garaxe, e os coches. Levaron polo menos tres.

O operativo policial, despregado por efectivos do grupo II da unidade de drogas e crime organizado (Udyco) de Pontevedra, despregouse a primeira hora. As actuacións, en que colabora a Garda Civil, desenvolvéronse nos concellos pontevedreses de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados e Ribadumia. Ademais tamén houbo un rexistro nun domicilio da Comunidade de Madrid e noutro de Vigo.

Polo menos doce persoas foron detidas​​​​​​, que está previsto que pasen o xoves a disposición xudicial.

A operación antidrofa, que continúa aberta, atópase baixo segredo de sumario e está a ser coordinada pola Praza 1 dos xulgados de Instrución de Vilagarcía.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, asegurou que este suceso "non é algo representativo da nosa vila". 

"Todos os que vivimos e coñecemos Cambados sabemos que é un lugar seguro e tranquilo", afirmou o alcalde.

O rexedor apuntou que, por agora, descoñece se o tiroteo foi "fortuíto ou intencionado". Sostivo que "non quero facer ningunha valoración mentres non se determine mediante a investigación pertinente que foi exactamente o que ocorreu".

Na súa intervención tivo palabras de apoio para a familia do falecido e para o policía que lle disparou, "que seguramente non tiña intención de causarlle a morte".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade