O Breogán, a selar o seu pase á seguinte rolda en Turquía

No partido da primeira volta, o equipo galego esmagou por 68-48 o cadro dirixido por Jurij Zdovc

G24.gal 05/12/2023 12:58 Última actualización 05/12/2023 13:06

O Río Breogán buscará este mércores selar a súa clasificación para a seguinte rolda da OLiga de Campións cun triunfo na pista do Bursaspor, o cal lle permitiría chegar á última xornada do grupo F con opcións de alcanzar o primeiro posto que outorga o pase directo á seguinte fase de grupos.

O equipo dirixido por Veljko Mrsic chega ao encontro coa importante baixa do pivote internacional italiano Mouhamet Diouf, un dos seus referentes no xogo interior, que xa non puido xogar o último partido da liga Endesa contra o Real Madrid, ao que os breoganistas apenas aguantaron un cuarto.

Pero Europa é outra historia, e o Breogán quere agrandar a súa traxectoria continental en Turquía. Gañar ao Bursaspor, ademais, supoñería unha inxección de moral antes de visitar o Surne Bilbao, un dos rivais directos na pelexa por eludir o descenso a LEB Oro.

“Espéranos un rival que se atopa nun momento de forma moito mellor que cando visitou Lugo. Cambiaron algúns roles e algúns dos seus xogadores están agora moito mellor que naquel partido. Vai ser un partido duro”, declarou o técnico croata do Breogán.

No partido da primeira volta, o equipo galego esmagou por 68-48 o cadro dirixido Jurij Zdovc, ao cal minimizou na recta final do partido cun sensacional Matas Jógela. O choque de mañá comezará ás 18:00 horas no Tofas Nilüfer Spor Salonu de Bursa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade