Shakira entrega ao xulgado 6,6 millóns de euros reclamados na súa segunda causa por fraude

A cantante colombiana depositou no xulgado a cantidade que lle reclama a Fiscalía por fraude fiscal nas declaracións do IRPF e do imposto de patrimonio de 2018

G24.gal 24/11/2023 19:50

A cantante colombiana Shakira depositou no xulgado os 6,6 millóns de euros que lle reclama a Fiscalía por fraude fiscal nas declaracións do IRPF e do imposto de patrimonio de 2018, na segunda causa que ten aberta por delitos contra a Facenda pública.  Segundo informaron fontes xurídicas a EFE, a entrega desta cantidade por parte da artista foi realizada o pasado mes de agosto no Xulgado de Instrución número 2 de Esplugues de Llobregat (Barcelona).

Segundo avanzou El Periódico de Cataluña, a cantidade depositada pola cantante permitiríalle beneficiarse dunha atenuante de reparación do dano no caso de que acabe condenada de novo por fraude fiscal, ao devolver o diñeiro supostamente evadido. 

Esta atenuante de reparación do dano foi a que propiciou o pacto que a artista alcanzou o pasado luns coa Fiscalía e as acusacións particulares exercidas pola Axencia Tributaria e a Generalitat para evitar o cárcere, a cambio dunha multa de 7,8 millóns de euros. A cantante recoñeceu a fraude de 14,5 millóns a Facenda entre 2012 e 2014, o que provocou a rebaixa da súa pena de tres anos de prisión que se lle impoñía por seis delitos contra a Facenda pública.

Porén, non é o único proceso aberto na sala contencioso-administrativa da Audiencia Nacional que Shakira ten aberto. A cantante tivo que desembolsar 60 millóns de euros por suposta fraude fiscal en 2011, mentres que segue á espera de que se resolva o recurso que presentou contra a liquidación tributaria. Shakira leva xa 100 millóns de euros depositados para resolver os seus problemas con Facenda.

Nesta nova querela a cantante está acusada de defraudar 5,3 millóns do IRPF de 2018, correspedentes aos ingresos da xira El Dorado, que realizou ese ano e pola cesión dos seus dereitos intelectuais, e outros 773.600 euros no imposto de patrimonio polos 12 millóns que posúe en inmobles e activos financeiros.

A Fiscalía sinala que a querelada se serviu dunha armazón societaria e presentou "declaracións inveraces" do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), en que omitiu declarar rendementos e deduciu gastos que non procedían, co que logrou reducir a cota para pagar a Facenda. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade