Zara inaugura na Coruña unha impactante instalación cinética da artista británica Es Devlin
A obra pode contemplarse desde o Observatorio da Cúpula Atlántica, situada no Monte de San Pedro
A instalación forma parte da programación que a firma téxtil ten organizada co gallo do seu 50 aniversario
Zara inaugurou, no marco da celebración do seu 50 aniversario, unha grande instalación cinética na Coruña creada pola artista Es Devlin. A compañía, que fixo 50 anos o pasado 9 de maio, continúa a celebración do seu aniversario coa restauración e reapertura o próximo 3 de xullo do Observatorio da Cúpula Atlántica da Coruña, que domina a cidade e a súa costa desde o Monte de San Pedro.
No interior deste espazo, os visitantes atoparán a instalación cinética '50 Songs of the Sea', creada pola artista e deseñadora británica Es Devlin para o interior da cúpula do Observatorio, de 28 metros de diámetro. A obra de Es Devlin, artista coñecida polas súas instalacións, performances e obras de arte luminosas a grande escala, consiste en tres círculos concéntricos xiratorios, que permiten a 288 visitantes rotar mentres se ven envoltos por unha proxección e unha paisaxe sonora que evoca o espírito deste lugar sobre as ondas do Atlántico.
Pon voz á narración a actriz española Elena Anaya. Unha banda de LED no exterior da cúpula proxectará o texto de 50 poemas relacionados co mar. A vista desde a cúpula inclúe a Torre de Hércules, proxectando o seu feixe de luz sobre o océano. En palabras da artista, "a Cúpula Atlántica atópase na cima do Monte San Pedro, nun promontorio que recibe toda a forza das ondas e os ventos do Atlántico".